Román Rodríguez destaca o apoio do tecido empresarial galego á formación práctica na FP, que recupera xa niveis precovid
Agradece a Nueva Pescanova a confianza depositada na FP galega, que hoxe destaca por ser innovadora e moderna
A Formación en Centros de Trabalo (FCT) conta este curso con máis de 14.000 alumnos en máis de 8.200 empresas
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou o apoio do tecido empresarial galego á formación práctica na FP, que neste curso 2020/2021 volve a situarse en cifras precovid, con máis de 14.000 alumnos en máis de 8.200 empresas. Fíxoo, xunto a Ignacio González, CEO do Grupo Nueva Pescanova, no acto de benvida que a empresa ofreceu aos 12 estudantes de FP Dual, do ciclo de grao medio en Elaboración de Produtos Alimentarios impartido polo Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Manuel Antonio en colaboración con esta compañía. No acto participaron tamén a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o secretario xeral de Educación e FP, José Luis Mira.
O titular do departamento educativo puxo en valor a importancia da colaboración das empresas tanto no módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT) como no éxito da FP Dual, que este curso acada a cifra máis elevada de alumnado da historia, superando os 2.000 estudantes e as 350 empresas implicadas. “Sen a súa colaboración e a do conxunto do tecido empresarial non teriamos situado á FP galega na posición que ocupa na actualidade, unha formación innovadora e moderna, que xera orgullo entre os galegos, e que permite dotar ás nosas empresas de traballadores cunha formación especializada e orientada ao entorno laboral”, afirmou o conselleiro.
Román Rodríguez explicou que a cidade de Vigo conta cun total de 11 ciclos de FP Dual en seis centros, da man de empresas tan relevantes como Nueva Pescanova. Neste sentido, salientou o traballo de centros educativos como o CIFP Manuel Antonio, que desenvolven unha estreita colaboración co mundo empresarial, un intercambio de coñecemento que constitúe unha das potencialidades da FP e da FP Dual.
Así mesmo, destacou o compromiso do tecido produtivo da contorna de Vigo coa Formación Profesional, ca que colaboran non só a través da modalidade Dual, senón tamén co desenvolvemento do módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT).
Másteres de FP
Román Rodríguez explicou que a Xunta vai intensificar estas vías de colaboración a través “dun proxecto pioneiro que lanzaremos o próximo curso en colaboración co tecido empresarial como son os másteres de FP, unha iniciativa coa que impulsaremos unha quincena de cursos de especialización de ata 700 horas de duración”.
“Ofertaranse en áreas cunha amplísima demanda no mundo laboral, como a Fabricación intelixente, o desenvolvemento de videoxogos, a Intelixencia Artificial e o Big Data ou a ciberseguridade”, destacou.
O conselleiro incidiu na importancia de seguir tendendo pontes entre o mundo empresarial e as administracións públicas, nomeadamente desde o punto de vista educativo. “Non me cabe dúbida de que os estudantes estades ante unha oportunidade única para poñer en práctica os coñecementos adquiridos, como tamén será enormemente beneficioso para esta empresa contar con estudantes cunha formación práctica de alta calidade como a que se imparte no CIFP Manuel Antonio”.
Proxecto de Nueva Pescanova
O CIFP Manuel Antonio e Nueva Pescanova imparten este curso a FP Dual de ciclo de grao medio en Elaboración de Produtos Alimentarios, con 12 matriculados con idades comprendidas entre os 19 e os 50 anos. O ciclo en unha duración de dous cursos e comeza agora a parte correspondente á actividade profesionalizadora en empresa, que se realiza nos seus centros industriais de Chapela e O Porriño.
Esta actividade é un dos fitos diferenciais da FP Dual galega, na que o período de formación do alumnado na empresa é financiado pola propia compañía e non pola Administración educativa. Isto pon de relevancia a confianza do tecido produtivo nas ensinanzas de FP como vía para preparar profesionais da máxima cualificación.
A actividade profesionalizadora que se realiza na FP Dual é, ademais, unha garantía para os estudantes, que están en contacto directo coa realidade dun centro real de traballo, o que redunda nunha maior inserción laboral destes estudantes, que supera ca o 90%.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidades colabora tamén con Nueva Pescanova e á Formación en Centros de Traballo, módulo que neste curso están realizando nesta empresa cinco alumnos dos ciclos Automatización e robótica Industrial (CPR Plurilingüe Las Acacias-Montecastelo), Sistemas electrotécnicos e automatizados e Acuicultura (IES Politécnico de Vigo).