A Xunta reforza cunha sesión formativa en liña o uso da nova ferramenta de ventilación que xa empregan 451 centros

O obxectivo do curso celebrado hoxe é continuar coa información e axudar ao manexo da aplicación e á interpretación dos datos personalizados que facilita o espazo web aos centros

Xov, 28/01/2021 - 17:12
usc

A Xunta de Galicia ofrece hoxe un webinario a través do que se sigue formando o persoal dos centros educativos no uso da nova ferramenta informática para a mellora do proceso de ventilación en prevención da covid-19. A aplicación −que a día de hoxe xa usan 451 centros− foi desenvolvida por un equipo da Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC), liderado por Jorge Mira, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade e ten por obxecto seguir mellorando o confort térmico nas aulas a través de pautas de ventilación adecuadas que optimizan o tempo necesario de renovación do aire, en función das características propias dos centros escolares, tendo en conta a súa contorna e localización e as condicións climatolóxicas facilitadas por Meteogalicia.

No webinario participa o catedrático Jorge Mira e Alberto Pérez, profesor da Facultade de Física da USC que desenvolve este proxecto e profesor asociado na Universidade de Harvard.

O obxectivo desta actividade é reforzar a información xa facilitada aos centros arredor de cuestións como os datos que é preciso introducir no web ventilacion.usc.es ou como interpretar e aplicar os resultados personalizados que ofrece a ferramenta informática para cada centro educativo.

Xa dispoñible

Todos os centros educativos galegos recibiron xa o seu contrasinal personalizado para acceder ao espazo web ventilacion.usc.es, que estará a disposición dos centros escolares de maneira voluntaria ata final de curso.

A primeira vez que acceden ao sistema, os centros deben achegar os datos básicos das aulas para as que desexan obter recomendacións específicas (tipoloxía dentro dun menú despregable, localización, orientación xeográfica, superficie total e de ventilación, altura, media de alumnado, etc). A partir desa información, e cruzada coa predición meteorolóxica, obterán un resumo de datos así como pautas de ventilación.

Esta completa información permite adaptarse aos diferentes usos das aulas e mesmo a centros con horarios diferentes. Así mesmo, pode xerarse un informe en formato pdf para distribuílo entre o claustro de profesores ou nas diferentes aulas.