A Xunta presenta as instrucións para garantir as prácticas presenciais en empresas na FP no contexto da covid-19

O conselleiro Román Rodríguez abordou o documento con representantes empresariais

O titular de Educación subliña que a prioridade absoluta é que as prácticas se realicen nos centros de traballo de xeito presencial, dado que proporcionan unha cualificación máis completa ao alumnado, pero hai que ter unha folla de ruta alternativa por se a evolución da pandemia non o fai posible

O obxectivo é darlle ás máximas facilidades ao alumnado para que poida completar o seu currículo sen que se vexa afectada a calidade dos contidos académicos recibidos

Xov, 19/11/2020 - 15:45

O Goberno galego presentou as instrucións para o desenvolvemento do período de formación en empresas nas ensinanzas de Formación Profesional, artísticas e deportivas na situación excepcional de pandemia derivada da covid-19. O texto foi presentado hoxe nunha reunión de traballo que o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantivo co empresariado galego ao que asistiron representantes das asociacións provinciais de empresarios, das cámaras de comercio e das asociacións de xoves empresarios. O texto foi tamén analizado cos directores dos Centros Integrados de FP (CIFP).

Segundo avanzou Román Rodríguez, “a prioridade máxima é que os alumnos completen a súa formación nos centros de traballo” xa que “a formación en empresas é un elemento fundamental para a adquisición de competencias por parte do alumnado cara á súa inserción laboral”. Non obstante, “temos que estar preparados” por se a evolución da pandemia pode dificultar ou impedir o desenvolvemento desta Formación en Centros de Traballo (FCT).

Nesta liña, as instrucións recollen unha serie de mecanismos e alternativas a poñer en marcha en función do tipo de ensinanza, co fin de flexibilizar as condicións da formación práctica co obxectivo de darlle as máximas facilidades ao alumnado para que poida completar o seu currículo, sen mermar a calidade na adquisición de coñecementos e destrezas asociadas a cada título.

Flexibilización e teletraballo

Así, no caso excepcional de que non se poidan completar ou levar a cabo as prácticas en empresa de xeito presencial, dáse a posibilidade de que o módulo de Formación Práctica en Empresa se realice de xeito telemático. Isto é, que os centros tamén poderán optar por favorecer a realización ou o remate do módulo FCT mediante a fórmula de teletraballo, sempre que a empresa ou institución en cuestión ofreza esa posibilidade.

Así mesmo, poderase reducir o período de formación práctica ata o mínimo establecido na normativa (220 horas nas ensinanzas de grao medio e superior e 130 horas en FP Básica). Nestes casos, a FCT completarase por prácticas nos talleres dos propios centros ou por unha proposta de actividades asociada á contorna laboral deseñada e supervisada polo centro educativo.

Tamén se poderán flexibilizar os tempos de prácticas, ben empregando días non lectivos ou ampliando ao máximo a estadía de horas en empresas, e incluso se amplía o período de prácticas ata o 31 de agosto (ata o de agora as prácticas rematan en xuño, coincidindo co remate do curso escolar).

Así mesmo, tamén se incorpora a exención total ou parcial do módulo de FCT para aqueles alumnos que acrediten unha experiencia laboral mínima de seis meses (o período ordinario é dun ano), a tempo completo, relacionado cos seus correspondentes estudos profesionais.

Canto ao alumnado de FP Dual, ao igual que para o resto dos ciclos, con carácter xeral realizará as actividades formativas nos centro de traballo segundo o establecido nos convenios e/ou acordos de colaboración coas empresas. Se, debido á evolución da pandemia isto non fose posible, os centros educativos reprogramarán a formación de cada alumno, planificando actividades de reforzo dos aspectos que non fosen abordados na empresa.

As instrucións tamén establecen as condicións de formación práctica coas súas especificidades para o alumnado das ensinanzas deportivas, das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño e das ensinanzas artísticas superiores.