Resolución da convocatoria para a realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística durante o curso 2019/2020
O 14.01.2020 publicouse a Resolución da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola que se convoca a participación en proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para os centros docentes de titularidade pública da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional durante o curso académico 2019/2020 e se establecen as bases reguladoras para realizalos.
O artigo 2 desta resolución determina que entre todos os proxectos presentados se seleccionarán cinco, que terán a consideración de excelentes e cada un deles recibirá unha dotación económica de 2 000 euros.
Por mor da situación excepcional xerada como consecuencia da COVID-19 (con ausencia de clases presenciais do 16 de marzo ao 25 de maio e cun retorno posterior á actividade lectiva presencial por un período de tempo moi reducido, unicamente en determinados niveis e con carácter voluntario), resultou imposible desenvolver os proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística presentados ao abeiro da convocatoria citada, dada a tipoloxía da gran maioría das súas actividades e o calendario establecido. En consecuencia, déixase sen efecto esta convocatoria.
Por outra parte, co obxecto de que os centros non se vexan máis prexudicados polos efectos da pandemia, os proxectos presentados ao abeiro desta convocatoria serán válidos para a do curso 2020-2021 (coas modificacións necesarias, de ser o caso).