Título node Learning object
Nova modificación no Festival Olloboi, 17 de abril de 2020:
O Festival de Cine Escolar Olloboi debe adiarse a comezos do curso próximo por mor do Coronavirus. Desde a organización animan a toda a rapazada a aproveitar este tempo de confinamento para crear pezas en familia, e asimesmo ó profesorado. Esas pezas concursarán na nova categoría#OlloboiCovídeoDoméstico, para a cal están facendo uns vídeos con consellos técnicos.
A organización do Festival Olloboi traslada a seguinte información a día 30 de marzo de 2020:
Tras consultar a moitos profes e ler as recomendacións que a Consellería de Educación fai, incluídos os consellos do Colexio de Psicólogos de Galicia, cremos que Olloboi non só non debe cancelarse senón que pode ser un lugar común para a creatividade de mozos e mozas, coa colaboración máis necesaria que nunca das familias, e co profesorado axudando a distancia.
Non podemos garantizar que o festival vaia celebrarse nas datas previstas (29 de maio), pero iso non pode frearnos. Certamente o Encontro Olloboi é único e permite algo máxico: a complicidade entre artistas e rapaces, dando por froito pezas exprés ben interesantes (a "Muchachada"). Pero o noso obxectivo primordial foi sempre o de promover a creación audiovisual e sementar compromiso, e iso pode facerse desde a casa e desde a individualidade.
O que propoñemos é que todos (profesorado, rapazada e familias) reflexionemos sobre esta situación e a nosa vida agora, sobre o país que nos agarda á volta, sobre o ben público, e que canalicemos eses pensamentos cara á creación dunha obra. Pode ser algo de corte experimental e poético, con material actual ou de fondo de disco duro; documental, recollendo o diario da vida doméstica; de ficción ou animación, poñendo a discurrir a imaxinación…
Olloboi pón á disposición de todo o mundo un conxunto de recursos educativos para afrontar a creación dunha peza audiovisual desde as cuestións máis técnicas (que móbil? que encadramento? como recollo o son? como monto o vídeo? que é eso de publicar en Instagram e TikTok?) ata as máis artísticas, estas da man de profesionais do noso cine, do (digámolo con orgullo!) celebrado cine galego. Nas nosas redes atoparase ademáis vínculo a páxinas de cine galego que desde esta semana están en aberto, como a de CREA ou Novo Cinema Galego.
As pezas que se fagan na corentena participarán nunha categoría ad hoc: Olloboi Covídeo Doméstico, e aspirarán a un premio especial que consistirá en participar nunha rodaxe real. Serán difundidas con cancelo #OlloboiCovídeoDoméstico e estarán dispoñibles, como todos os anos, en olloboi.com
Corren tempos inauditos: narrémolos coa nosa mirada e así construiremos colectivamente o relato do que pasou. Está nas nosas mans que froito desta crise se reforcen ou deterioren os lazos sociais, e nós apostamos por facelos máis sólidos, fermosos e solidarios que nunca. O cine pode ser a ferramenta.