Educación convoca o programa EnCANtame ler, a través do que se empregan os cans adestrados para estimular a lectura

Diríxese ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, polo que tamén se contará coa asistencia dunha persoa psicoterapeuta

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro día 12 de marzo

Lun, 09/03/2020 - 10:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de convocar o proxecto EnCANtame Ler, de lectura apoiada por cans, unha iniciativa enmarcada no Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares.  O obxectivo é estimular a lectura entre o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, para o que, ademais de cans adestrados, se contará coa asistencia apoio dunha persoa psicoterapeuta especializada.

Poderán participar nesta iniciativa tanto Centros de Educación Especial (CEE) como Centros de Educación Infantil e Primaria Todos eles deberán estar integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). Nesta primeira edición do proxecto seleccionaranse 10 centros educativos, que desenvolverán un total de 10 sesións de lectura apoiadas por cans durante este curso 2019/2020.

Os centros interesados deberán presentar a súa solicitude, xunto cun breve proxecto arredor da actividade, a través do correo electrónico asesoria.bibliotecas@edu.xunta.gal. O prazo remata o próximo 12 de marzo.

Cómpre sinalar que a lectura apoiada con cans se emprega en moitos países como método de apoio á aprendizaxe e consolidación da lectura. A través dela procúrase converter o acto de ler nunha actividade lúdica, nun ambiente cálido, onde todo vai a acontecer arredor do can e o alumnado pode estar relaxado e cómodo por non ser o centro de atención. A presenza do can actúa ademais como un elemento motivador, xa que crea un ambiente diferente da clase tradicional e transforma a metodoloxía de ensino, ademais de constituír un “acompañante” que non vai xulgar ao neno e que, polo tanto, lle vai dar maior seguridade. Deste xeito esta experiencia piloto pretende ser unha ferramenta diante das dificultades de aprendizaxe a través do apoio que supón o can.

Coa asistencia da persoa psicoterapeuta, o programa permite ademais mellorar a comunicación verbal e non verbal do alumnado, a súa comprensión lectora e  promover a aprendizaxe cooperativa e a interacción entre os alumnos, co que iso implica ao nivel do manexo emocional.