Carmen Pomar destaca un investimento de máis de 800.000 euros na rehabilitación integral do IES de Monelos
A conselleira de Educación visitou hoxe o centro
As obras beneficiarán ao equipo docente e aos máis de 460 estudantes do instituto
Ademais redundan nun aforro enerxético de máis do 50% e nun maior confort para a comunidade educativa
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe o IES Monelos, onde destacou que o seu departamento vén de investir 838.261,07 euros na obra de rehabilitación integral do centro, unhas obras que beneficiarán aos máis de 460 estudantes do centro e ao equipo docente. A actuación, segundo explicou, redunda nun maior confort para a comunidade educativa, ademais de nun aforro enerxético de máis do 50%. Nestes momentos a obra está a piques de concluír, pendente só dalgúns remates.
Co fin de mellorar a eficiencia enerxética do centro colocouse sistema illante de envolvente continua polo exterior da fachada mediante sistema SATE e mudáronse as fiestras por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo. Así mesmo renováronse as persianas e substituíronse as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética con regulación lumínica e detectores de presenza. Ademais cambiouse a caldeira de gasoil por tres caldeiras de combustión de Gas Natural e instaláronse paneis solares. A maiores cambiouse o material de cubrición por panel sándwich de chapa prelacada de aceiro na zona antiga do centro e con illamento térmico na cara superior do forxado do baixo cuberta. Todas estas medidas combinadas supoñen un aforro do 59,1% no consumo de enerxía primaria non renovable e do 67,7% en emisións de CO2.
A obra incluíu, por outra banda, a reparación e pintado dos paramentos interiores, as portas, os radiadores e tubaxes; o pulido do pavimento de terrazo e a colocación dun novo falso teito. Así mesmo, realizáronse melloras nun dos aseos femininos.
Traballo do equipo docente
Carmen Pomar aproveitou a súa visita ao centro para salientar o traballo do equipo docente, que implica o alumnado en numerosas accións complementarias ao currículo. De feito o IES de Monelos participa no programa de Voluntariado de Lectura na Biblioteca Escolar e conta cun club de lectura ao abeiro da convocatoria da Consellería.
Por outra banda, o centro participa no Plan Proxecta, en concreto nos programas MeteoEscolas, que ten como obxectivo o coñecemento do clima e meteoroloxía de Galicia a partir da observación na escola; e Proxecto Ríos, que pretende involucrar á cidadanía na conservación dos ecosistemas fluviais. Así mesmo o instituto conta con seccións bilingües.
Declaracións da conselleira