Convocatoria do Concurso de Curtas Senda dos Faros
Resolución da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional pola que se aproban as bases e se convoca o Concurso de Curtas Senda dos Faros
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocan o Concurso de Curtas Senda dos Faros. Este certame é unha das iniciativas programadas para pór en valor a Senda dos Faros, no marco do convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia, Agader, o Instituto de Estudos do Territorio (IET) e Fundación Galicia Sustentable e en colaboración con Energias de Portugal Renováveis (EDPR).
Está destinado ao alumnado dos centros docentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que impartan ensinanzas de educación secundaria (ESO, bacharelato, formación profesional básica e ciclos formativos de grao medio) e especiais de grao medio, sostidas con fondos públicos. Poderá participar con vídeos dunha duración máxima de 5 min.
Establécense premios para as tres mellores curtas (que inclúen a asistencia á proxección no festival de Cans), así como galardóns á mellor actriz, ao mellor actor e especial do público.
A/O docente responsable dos vídeos que acaden o 1.º, 2.º e 3.º galardóns recibirá unha certificación de Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado.
O prazo para solicitar a participación rematará o 30 de xaneiro de 2020 e a data límite de envío dos vídeos será o 30 de marzo de 2020.
O concurso ten como obxectivos:
-
pór valor, promover e fomentar o coñecemento do patrimonio, a paisaxe, a natureza, as lendas, a gastronomía, ou calquera outro activo do territorio polo que atravesa a Senda dos Faros
-
dinamizar o uso da lingua galega entre o alumnado e entre a comunidade educativa
-
promover unha imaxe positiva e actual do galego por medio da vinculación coas tecnoloxías da información e da comunicación
-
favorecer a presenza e o uso do galego en novos espazos e soportes
-
fomentar o galego oral, coa creación de novos ámbitos de uso frecuente que favorezan a utilización da lingua dentro e fóra das aulas