Educación premia os proxectos emprendedores de 43 estudantes a través do programa Atrévete

A conselleira presidiu hoxe a entrega de galardóns

O certame enmárcase no Plan de Emprendemento do sistema educativo de Galicia. Eduemprende

Lun, 17/06/2019 - 12:20

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu esta mañá a entrega dos premios do programa Atrévete, enmarcado no Plan de Emprendemento do sistema educativo de Galicia, Eduemprende. Un total de 43 estudantes resultaron galardoados na convocatoria correspondente ao curso 2018/19 neste certame, que ten como obxectivo fomentar, motivar, e sensibilizar no espírito emprendedor ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO dos centros sostidos con fondos públicos. Na convocatoria 2018/2019 participaron no programa un total de 60 centros, 36 de primaria e 24 de secundaria.

Durante a súa intervención a conselleira sinalou a importancia deste tipo de iniciativas “que transmiten, máis aló de coñecementos puntuais, valores e actitudes vitais, como o traballo en equipo, a curiosidade e a creatividade, o interese por buscar novos camiños, a paixón polo estudo e a capacidade de superación dos problemas por novas vías”. Neste sentido explicou que os traballos presentados ao certame xa converten as alumnas e alumnos en emprendedores desde as aulas. “Pode que ese espírito vos impregne e vos converta, ao cabo dos anos, tamén en emprendedores no futuro, capaces de deseñar alternativas laborais viables e crear emprego a partir da innovación”, dixo Carmen Pomar.

A conselleira quixo, así mesmo, agradecer o traballo dos docentes arredor deste programa e a colaboración das empresas e asociacións empresariais polo seu “compromiso coa formación das xeracións máis novas en valores intrínsecos do emprendemento como iniciativa persoal, e responsabilidade”.

Ao longo do curso o alumnado participante, acompañado do seu profesorado, participou en actividades de fomento do emprendemento, que incluíron visitas ás 25 empresas e 11 asociacións empresariais colaboradoras nesta edición. Deste xeito, ademais de achegarlle ao alumnado o tecido industrial da súa contorna, a iniciativa permítelle coñecer de primeira man a experiencia de empresarios e persoas emprendedoras. Así mesmo, as alumnas e os alumnos, guiados polos seus docentes, realizan exercicios na aula arredor de conceptos como a motivación, a autoestima, a comunicación, a toma de decisións, o traballo en equipo, a responsabilidade ou a creatividade, entre outros. Para o desenvolvemento do programa contouse tamén coa colaboración de 11 IES e CIFP.

 

Unha vez realizadas estas actividades, os estudantes participan no certame presentando unha boa idea de negocio, de forma individual, redactada como máximo en dous folios.