Educación reforza a función dos equipos directivos dos centros a través de formación específica e novas canles de comunicación
A conselleira de Educación inaugurou o XXXIX Congreso de Formación e Avaliación da dirección, que congrega en Santiago a profesionais docentes do conxunto de España
Carmen Pomar salientou que o liderado e a xestión das directoras e directores exerce de polo tractor para o incremento da calidade da formación e o éxito do alumnado
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional está a reforzar a función dos equipos directivos dos centros escolares con medidas específicas centradas, sobre todo, na formación específica deste colectivo -mediante actualización de coñecementos, novos marcos normativos e novas técnicas de dirección-; e na posta en marcha de novas canles de comunicación interna como é o Portal da Dirección, que potencia a comunicación directa entre a administración educativa e os equipos directivos.
Así o salientou hoxe a conselleira de Educación, Carmen Pomar, con motivo da inauguración do XXXIX Congreso de formación e avaliación da dirección, organizado pola Federación de Asociacións de directivos de centros educativos públicos (FEDADI) e que ata mañá congrega en Santiago a profesionais docentes do conxunto de España.
Carmen Pomar subliñou que o liderado e a xestión dos equipos directivos son clave “para incrementar a calidade e os resultados da formación e o éxito do alumnado”, posto que nas súas mans “recae a boa marcha dos centros e a correcta implantación dos proxectos educativos”.
Por iso, desde o departamento de Educación do Goberno galego se está traballando en colaboración cos propios equipos directivos para o deseño de medidas específicas que garantan o correcto funcionamento do sistema educativo.