A Xunta adxudica a construción do CEIP de Novo Mesoiro (A Coruña) por máis de 3,8 millóns de euros

O colexio terá capacidade para 450 alumnos e dará resposta ás necesidades de escolarización dun dos barrios con maior crecemento demográfico da cidade

Xov, 08/11/2018 - 18:33

Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) acaba de adxudicar o contrato para a obra de construción do CEIP de Novo Mesoiro, un centro que ocupará unha parcela de algo máis de 8.600 metros cadrados, no solo dos antigos hortos urbanos, e terá unha superficie útil construída de 3.100 metros cadrados. Con capacidade para 450 alumnos o colexio dará resposta ás necesidades de escolarización dun dos barrios con maior crecemento demográfico da cidade.

O investimento da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional na edificación deste centro ascenderá, segundo a adxudicación, a 3.818.276 euros e está previsto que as obras -cun prazo de execución de 18 meses- se inicien entre  finais deste ano e principios do próximo.

O colexio disporá de dúas unidades por cada curso, polo tanto, un total de 18 unidades, 6 aulas de infantil e 12 de primaria; así como cunha aula de música, unha aula de informática, unha sala de usos múltiples, un comedor e un ximnasio con vestiarios. A construción inclúe, así mesmo, dúas pistas polideportivas de 40x20 metros, unha delas cuberta.

En canto a equipamentos, espazos e superficies, o CEIP cumprirá con todos os estándares do máximo nivel. Ademais disporá de todos os requisitos de accesibilidade para o correcto uso e funcionamento do colexio.

Menús News node R