Preto dun cento de estudantes vidos de fóra inician os cursos de verán de galego

O secretario xeral de Política Lingüística participou na Coruña e en Santiago nos actos de oficial de apertura

A Consellería de Cultura colabora coa UDC e coa RAG na programación destas accións que inciden na formación e na proxección internacional do idioma

Lun, 02/07/2018 - 22:51
Preto dun cento de estudantes vidos de fóra inician os cursos de verán de galego
Preto dun cento de estudantes vidos de fóra inician os cursos de verán de galego

Preto dun cento de estudantes -case 80 en Santiago e 14 na Coruña- vidos de fóra de Galicia inician hoxe os cursos de verán de galego para persoas estranxeiras que organizan a Universidade da Coruña (UDC) e a Real Academia Galega (RAG) ata o día 24 de xullo, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O titular deste departamento, Valentín García, participou hoxe á mañá nos dous actos oficiais de apertura, que acolleron a reitoría coruñesa e a facultade de Xeografía compostelá, respectivamente.

García Gómez deulle a benvida ao alumnado e manifestou que “esperamos que para quen chegades por primeira vez esta estadía sexa una experiencia moi positiva ademais dunha oportunidade para vos achegar de primeira man á nosa lingua e cultura propias”. “Estes cursos, ademais de na vosa formación, inciden na proxección internacional do idioma propio de Galicia xa que, logo destas catro semanas desexamos seguir tendo en vós novos embaixadores e embaixadoras do noso país nos vosos respectivos lugares e universidades de orixe”, concluíu.

Case 80 estudantes chegados de 20 países na USC

Os cursos Galego sen fronteiras da RAG e da USC chegan á súa XXI edición con preto de 80 estudantes chegados de 24 países de Europa, América, Asia e África, e de cinco comunidades autónomas españolas, que asistirán ao longo de catro semanas a aulas teórico-prácticas de lingua e literatura galegas combinadas con relatorios pensados para ofrecer unha visión plural da cultura galega, da man de profesionais dos eidos teatral, poético, científico ou dos medios de comunicación; e terán tamén oportunidade de gozar de excursións, obradoiros ou roteiros centrados na nosa tradición musical. Toda a información en http://cursoslinguagalega.academia.gal/.

Na apertura oficial dos cursos participaron, ademais do secretario xeral, o presidente da RAG, Víctor Freixanes; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto González; o novo director do ILG, Xosé Luís Regueira; e o director dos cursos, Henrique Monteagudo.

14 alumnos chegados de seis países na UDC

Nesta X edición dos Cursos de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras da UDC participan 14 alumnos e alumnas chegados de Alemaña, Polonia, Ucraína, República Checa, Cataluña e Euskadi. As actividades programadas inclúen, para alén das aulas de lingua e cultura dos niveis elemental e medio, un completo programa de accións formativas, con aulas teórico-prácticas e percorridos pola Coruña, visitas culturais, obradoiros, música e danza tradicionais etc. Toda a información aquí.

No acto da UDC acompañárono na presentación o secretario xeral desta universidade, Carlos Aimerich; e a directora do servizo de normalización lingüística, Marisol Ríos.

Menús News node R