O Ramón Piñeiro incorporará este ano 10 novos bolseiros en formación

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde de convocatoria, que ten como obxectivo reforzar a investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre a lingua propia de Galicia

O prazo de presentación de solicitudes abrangue desde mañá ao 5 de xullo

Mar, 05/06/2018 - 18:41

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) incorporará este ano 10 novos/as bolseiros/as en formación que posúan titulación en Filoloxía, en Humanidades, en Enxeñaría de Telecomunicacións, en Física, en Informática ou en Matemáticas. A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180605/AnuncioG0164-250518-0003_gl.html) a orde do 23 de maio de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán o concurso público de dez bolsas e se procede á súa convocatoria.

En concreto os proxectos recollidos no texto son o Diccionario galego-italiano/ italiano-galego  (GALITA); Bibliografía da literatura galega; Fraseoloxía galega; Corpus de referencia do galego actual (CORGA/XIADA); Cantiagas de Santa María; Prosa literaria medieval; Terminoloxía científico-técnica (TERMIGAL); Recursos para o desenvolvemento de tecnoloxías da fala; Base de datos do ALIR e Diccionarios de Literatura. Con esta convocatoria a Consellería de Cultura, Educaciñóin e Ordenación Universitaria reforza a investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre a lingua propia de Galicia, co fin de avanzar na súa normalización e promover o seu uso en todos os eidos profesionais e sociais.

O prazo de presentación de solicitudes, que se xestiona desde a Sede Electrónica da Xunta de Galicia, abrangue desde mañá ao 5 de xullo e ao completo da convocatoria pódese acceder desde o Portal da Lingua Galega.

Requisitos de acceso

A convocatoria destas bolsas vai dirixida a titulados/as universitarios/as, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora. As persoas aspirantes deberán acreditar posuír os requisitos específicos para cada proxecto, tales como coñecementos de informática, estar capacitado para ler e traducir textos en diferentes linguas románicas no estado medieval, práctica na elaboración de repertorios bibliográficos comentados ou manexo de procesadores de texto e bases de datos, entre outros. Os/as bolseiros/as desenvolverán o seu labor neste centro ata o ano 2020, o que supón unha oportunidade para iniciaren a súa actividade no eido da investigación.

Traxectoria do CRPIH

O CRPIH é un centro de investigación adscrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística que destaca pola relevancia dos seus proxectos e mais pola súa contribución á formación investigadora. Neste ano 2018, está a celebrar os seus 25 anos de existencia e, no marco desta efeméride, acolle desde marzo un programa de encontros académicos cos que quere dar a coñecer ao público a súa historia, a transcendencia da investigación levada a cabo e o recoñecemento da súa centralidade no ámbito da investigación en humanidades, posta de manifesto nos legados de investigadores importantes dos que é depositario.

O programa completo de actividades, que se desenvolven ata novembro no compostelán Pazo de San Roque, é de acceso libre e gratuíto mais cómpre inscribirse previamente nas xornadas temáticas. Toda a información no enlace web http://www.lingua.gal/25-aniversario-centro-ramon-pineiro.

 

Menús News node R