Asturias e Castela e León seguirán o exemplo de Galicia para rebaixar a taxa de interinidade

Román Rodríguez expuxo as conclusións do encontro trilateral canda os seus homólogos castelán leonés e asturiano, nas que se acordou impulsar que o proceso selectivo avalíe competencias en metodoloxías activas, linguas e TIC

Os diferentes grupos de traballo abordaron os novos retos relacionados coa implantación da FP Dual, a xestión e formación do profesorado, a incidencia das TIC, a atención á diversidade e os desafíos da educación no rural

Ven, 19/01/2018 - 15:53
Asturias e Castela e León seguirán o exemplo de Galicia para rebaixar a taxa de interinidade

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou esta mañá –xunto cos seus homólogos castelán leonés, Fernando Rey, e asturiano, Genaro Alonso– os resultados do primeiro encontro trilateral en materia educativa celebrado onte e hoxe en León. Entre as conclusións destas xornadas de traballo cómpre destacar o obxectivo de rebaixar a taxa de interinidade por debaixo do 8%, un camiño no que a Consellería xa leva traballado intensamente nos últimos anos. De feito, Asturias e Castela e León súmanse á estratexia galega de estabilización do profesorado, que actualmente coloca a Galicia como a comunidade coa taxa de interinidade máis baixa de todo o estado español, situada no 12,3%.

Así mesmo, outro dos puntos relevantes acordados tamén está relacionado co persoal docente e, en concreto, co proceso selectivo. Deste xeito, impulsarase que se avalíe a competencia docente en metodoloxías activas, dominio doutras linguas e as novas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC).

Román Rodríguez cualificou o encontro de “moi positivo e simbólico”, posto que axudou a tomar consciencia, desde o traballo colaborativo e conxunto, da importancia e transcendencia que ten alcanzar o Pacto de Estado social e político pola educación.

Desde o xoves, os diferentes grupos de traballo abordaron os retos que se presentan no eido da educación no medio rural –facendo fincapé nos servizos complementarios, nas modalidades organizativas ou nas relacións coa administración local–; na Formación Profesional, e nomeadamente na FP Dual; na xestión e formación do profesorado; na implantación das TIC e da conectividade; nos avances na calidade, na inclusión e na atención á diversidade; e algúns dos desafíos da universidade a nivel formativo.

Neste contexto, o documento conxunto de conclusións solicita que o Pacto de Estado pola educación debe contemplar estándares mínimos de calidade que garantan a sustentabilidade da escola rural temporal e financeiramente, así como unha efectiva igualdade de oportunidades. No caso das novas tecnoloxías, plantéxase a colaboración entre as tres comunidades para mellorar a competencia dixital docente, elaboración de recursos e materiais comúns.

Educación inclusiva

Pola súa banda, no eido da calidade e inclusión recóllese que o profesorado debe liderar unha verdadeira educación inclusiva, proporcionándolle para iso a formación necesaria. Ademais, solicítase que a norma básica debe conxugar o dereito á inclusión de todo o alumnado cunha visión de responsabilidade compartida entre todos os axentes que interveñen na educación.

Tamén se abordaron os retos da Formación Profesional Dual, para o cal é necesario definir un marco nacional flexible que permita a coexistencia de diferentes modelos que dean resposta ás peculiaridades existentes en cada comunidade, ás especificidades da contorna produtiva e aos cambios tecnolóxicos e organizativos cada vez máis rápidos e imprevisibles.

Titulacións interautonómicas

Por último, no campo universitario acordouse a creación dun repositorio para albergar normativa, información pública ou notas de prensa relacionadas coas universidades das tres comunidades autónomas; así como avanzar no desenvolvemento de titulacións interautonómicas.

Declaracións