O IES de Foz pecha o ciclo de xornadas organizadas para poñer en valor o potencial formativo en materia de hostalería

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, participou hoxe no oitavo e último encontro ‘Formados e Profesionais’, que reuniu a blogueiros e xornalistas para darlles a coñecer o traballo que realizan alumnos e profesores neste instituto

A xornada incluíu un almorzo buffet saudable, unha cata de café, demostración sobre infusións, un aperitivo e un menú degustación, todo elaborado por alumnado do centro

Mér, 13/12/2017 - 19:26
O IES de Foz pecha o ciclo de xornadas organizadas para poñer en valor o potencial formativo en materia de hostalería

O IES de Foz pechou hoxe a oitava e última xornada do ciclo “Formados e Profesionais”, unha iniciativa posta en marcha pola Consellería de Educación co fin de dar a coñecer e poñer en valor o traballo que desenvolven tanto docentes como alumnos dos oito centros que integran a Rede de Hostalería de Galicia, entre os cales se atopa o instituto de Foz.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, clausurou hoxe o devandito ciclo coa asistencia a unha comida de traballo con menú degustación elaborado polos alumnos do ciclo superior de Cociña e servidos polos estudantes do ciclo medio de Servizos deste instituto. Ao acto tamén asistiu o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira. A xornada contou ademais coa presenza dun grupo de blogueiros e xornalistas especializados que puideron comprobar in situ o labor que realizan os alumnos das familias profesionais de Hostalería, e difundilo a través das novas canles de comunicación que ofrecen as redes sociais.

O encontro comezou a primeira hora da mañá cun almorzo buffet saudable; e a media mañá realizouse unha cata de café ofrecida polos alumnos do ciclo superior de FP Dual de Dirección de Servizos e Cociña. Os asistentes puideron gozar tamén dunha visita guiada ás instalacións do centro, que incluíu a aula demostración de cociña (coa demostración ao vivo de elaboración de pasta fresca), a aula de cociña onde se elaboran os menús escolares que se serven no comedor do instituto, e rematou coa cata dun menú degustación para todos os invitados.

Ciclo FP Dual de dobre titulación

No que atinxe ás ensinanzas de FP do eido da Hostalería, o IES de Foz ofrece un ciclo Básico de Cociña e restauración, os ciclos medios de Cociña e gastronomía, e de Servizos en restauración; o ciclo superior de Dirección de Cociña; e por primeira vez neste curso o ciclo superior de FP Dual de dobre titulación en Dirección de Servizos de restauración e Dirección de Cociña, unha titulación de nova implantación que ademais de no IES de Foz, tan só se imparte no CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) e no CIFP Paseo das Pontes (A Coruña).

Os centros da Rede

Esta iniciativa arrancou o pasado mes de abril no IES Vilamarín (Ourense), e posteriormente tivo lugar no CIPF Paseo das Pontes (A Coruña), no CIFP Carlos Oroza (Pontevedra),  no CIFP Compostela (Santiago), no IES Sanxillao (Lugo), no IES Fraga do Eume (Pontedeume) e no CIFP Manuel Antonio (Vigo).

En todos eles ofrécese un almorzo, un aperitivo e unha comida elaborada polo alumnado do centro, e faise un percorrido guiado e realizarase un coloquio entre todos os participantes na sesión. Polo tanto, búscase amosar as instalacións e recursos que teñen os principais centros de FP galegos de Hostalaría, que se fai neles e, da man dos chefs convidados, a onde se pode chegar tras cursar estes estudos.

Este proxecto pioneiro conta, ademais, cun sitio web (http://www.edu.xunta.gal/fp/rede-fp-hostalaria) no que se ofrece información e orientación sobre os centros da Rede creada en 2014, a súa oferta formativa e o conxunto de servizos que se brindan ás empresas. Para a propia comunidade educativa o web serve como punto de acceso único ás ofertas de emprego, ao emprendemento ou as mobilidades. O obxectivo é achegar a FP á empresa, dando resposta ás demandas do sector e transferíndolle o coñecemento adquirido en centros innovadores.

Un espazo vivo e dinámico

A Rede galega de FP de hostalaría foi creada en 2014 pola Consellería de Cultura e Educación co fin de enmarcar os 8 centros públicos da nosa Comunidade especializados nesta familia profesional co fin de crear un espazo vivo e dinámico de intercambio de experiencias e de innovación. Desta forma procúrase, ademais, impulsar a calidade de actividades produtivas estratéxicas para Galicia como son as de Restauración, Aloxamento e Servizos, estreitamente vencelladas ao turismo, eido tamén de significativa importancia no desenvolvemento económico desta terra.

A rede está composta polos CIFPs Paseo das Pontes (A Coruña), Compostela (Santiago), Carlos Oroza (Pontevedra) e Manuel Antonio (Vigo); e polos IES Fraga do Eume (Pontedeume), de Foz, Sanxillao (Lugo) e de Vilamarín (Ourense).