Uxía e Sérgio Tannus achéganlle 'A palabra cantada' ao alumnado de galego do Cañada Blanch

Os artistas visitan hoxe nas aulas a rapazada que estuda galego na capital británica

57 alumnos e alumnas na ESO, case o 40 % do total, e 30 máis en primaria aprenden lingua, literatura e cultura galegas no ano no que se cumpren 25 anos da implantación do noso idioma como materia de estudo neste centro

Mar, 31/10/2017 - 19:16
Uxía e Sérgio Tannus achéganlle 'A palabra cantada' ao alumnado de galego do Cañada Blanch
Uxía e Sérgio Tannus achéganlle 'A palabra cantada' ao alumnado de galego do Cañada Blanch

A galega Uxía e o brasilego Sérgio Tannus achegaranlle hoxe nas aulas a charla-concerto 'A palabra cantada' ao alumnado de galego do Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, no marco das actividades do coñecido programa Galego en Londres. Nel, farán un breve percorrido pola historia da música galega pasando polas cantigas de amigo, o papel das mulleres na lírica tradicional, Rosalía de Castro ou a conexión coa lusofonía. Neste repaso, incluirán temas do seu novo disco UXÍA-O.

Neste curso académico, 57 alumnos e alumnas da ESO, preto do 40 % do alumnado total, e 30 máis en primaria aprenden lingua, literatura e cultura galegas ou téñeno como lingua vehicular das súas actividades extraescolares. Precisamente, este ano cúmprense os 25 do convenio da Xunta co Ministerio polo que se ofertan estudos de galego no Cañada Blanch, acordo que xurdiu para darlles resposta ás necesidades dunha forte comunidade emigrante en Londres. Con motivo diso, hai uns meses, o alumnado e a súa profesora de galego, Begoña González, elaboraron a curta de stop motion O IE Cañada Blanch é moi singular, unha peza audiovisual que presenta o instituto e que xa se proxectou en certames como o CinEOI Coruña.

O blog Fala Londres (www.galegoenlondres.gal) e os perfís de Galego en Londres nas redes de facebook, twitter e instagram dan conta da ampla actividade do programa e son boa mostra de que as clases de galego no Cañada Blanch van máis alá de simples clases. Arredor delas xurdiu precisamente o proxecto Galego en Londres, que involucra á comunidade galega de Londres, visitantes habituais nas aulas, e saltan os muros do instituto a través das múltiples actividades que impulsan para dar testemuño dunha Galicia punteira nos eidos artístico, científico e profesional.

Menús News node R