O director xeral de Centros celebra o Día da Biblioteca no CEIP Xulio Camba
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, participou hoxe na celebración do Día da Biblioteca no CEIP Xulio Camba de Vilanova de Arousa, centro que acaba de entrar a formar parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe). O centro conta cunha biblioteca moi participativa na que se desenvolve o programa de voluntariado, proxectos documentais integrados (este curso sobre o Camiño de Santiago), se realizan lecturas compartidas co IES ou se elaboran guías de lectura, entre outras actividades.
Asemade, cómpre salientar que esta biblioteca escolar atende á diversidade do alumnado do centro e, de feito, nela adáptanse contos a pictogramas para nenos con necesidades específicas de atención educativa. Na celebración participou tamén o xefe territorial da Consellería na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares.