Finanzas para mortais impulsará nos centros educativos galegos o emprendemento como motor de innovación
O conselleiro de Educación asina un convenio coa Fundación de la Universidad de Cantabria para el Estudio y la Investigación del sector Financiero (UCEIF) e co Banco Santander para a posta en marcha desta iniciativa na nosa Comunidade
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o director xeral da Fundación de la Universidade de Cantabria para el Estudio y la Investigación del sector Financiero (UCEIF), Francisco Javier Martínez García; e a directora territorial de Galicia do Banco Santander, Rosario García Alonso; asinaron hoxe un acordo de colaboración a través do que as tres entidades actuarán de forma conxunta para fomentar entre o alumnado do último ciclo de ESO, de Bacharelato e de FP o espírito emprendedor. Esta actuación, que se enmarca no Plan de Emprendemento no sistema educativo de Galicia, Eduemprende, ten como obxectivo que desde as idades máis temperás os nenos e mozos perciban esta cultura como motor de innovación, de competitividade e de crecemento da economía.
A colaboración articularase a través do proxecto Finanzas para Mortais, que funciona tanto mediante sesións presenciais como a través das plataformas en liña xeradas pola UCEIF. Deste xeito, está previsto que persoal do Banco Santander imparta actividades a alumnos de 3º e 4º de ESO, Bacharelato e ciclos de FP nos propios centros. Así mesmo, establecerase un programa de voluntariado de alumnas e alumnos do ciclo de grao superior en Administración e finanzas, que poderán traballar no desenvolvemento de Finanzas para Mortais.
Por outra banda, está previsto realizar actividades formativas que melloren as competencias dos estudantes en materia de emprendemento, que favorezan a súa inserción laboral e que promovan o desenvolvemento de proxectos empresariais en colaboración coa rede de viveiros de empresa en centros educativos da Consellería.
Sensibilización e capacitación
Finanzas para Mortais ten entre os seus fins a sensibilización e motivación da comunidade educativa cara ao fomento do emprendedurismo, a capacitación do alumnado para realizar accións emprendedoras cunha orientación axeitada e o apoio á posta en marcha de proxectos empresariais viables e ideas innovadoras de negocio. Así mesmo, búscase coordinar e unir forzas en materia de investigación e experiencia neste eido.
O obxectivo final é inculcar aos máis novos os principios da ética dos mercados, afondar nos novos procesos e os soportes que ofrecen as novas tecnoloxías e as redes sociais na economía, abordar a globalización e os novos paradigmas e estimular o pensamento crítico e a reflexión.
Compromisos das partes
Ao abeiro do convenio asinado hoxe, a Consellería comprométese a colaborar na difusión entre os centros educativos deste programa, a ceder espazos e medios técnicos para o seu desenvolvemento.
Pola súa banda, a UCEIF ocuparase de preparar e manter as plataformas e recursos precisos para o funcionamento da versión en liña do proxecto Finanzas para Mortais, así como a preparar o material das sesións presenciais, a proporcionar voluntarios para impartilas e a formar os estudantes de FP que participen no devandito programa de voluntariado.
Ademais, o Banco Santander seleccionara e proporcionará relatores voluntarios para a impartición destas sesións presenciais.