Educación reafirma a aposta pola formación docente para afrontar os novos retos tecnolóxicos e dixitais
Román Rodríguez abriu a xornada na que participan un cento de asesores da Rede de Formación do Profesorado para poñer en común estratexias de traballo e afondar nas competencias clave ou os enfoques de actividades e proxectos, entre outros
O conselleiro salientou a importancia da tarefa docente na formación das xeracións futuras e lembrou que Galicia foi pioneira en contar cunha Rede formación Permanente do Profesorado
Un cento de asesores docentes da Rede de Formación do Profesorado participan hoxe en Santiago nunha xornada para a posta en común de estratexias de traballo e avanzar en aspectos como as competencias clave; ferramentas normativas e de xestión; e enfoque de actividades e proxectos de formación de cara a este novo curso escolar.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, deulles a benvida a todos eles, dos que valorou o seu esforzo e dedicación na “importantísima tarefa de formar ás xeracións novas que rexerán o futuro de Galicia”. O conselleiro subliñou a esixencia da tarefa docente e a necesidade de actualizar a formación para adecuarse as constantes transformacións, sobre todo no que atinxe ao ámbito tecnolóxico e dixital. Neste senso, sinalou que se trata dun curso “cheo de retos e oportunidades” como a extensión do plurilingüismo ás etapas de Infantil, Bacharelato e Formación Profesional, ou a ampliación do libro dixital a 60 centros máis de xeito que uns 11.600 alumnos reciban unha ensinanza completamente dixital.
Plan anual de Formación do Profesorado
Esta xornada -organizada polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e os Centros de Formación e Recursos (CFR) da Consellería- enmárcase dentro do Plan anual de Formación do Profesorado deseñado por Educación no que se inclúen plans específicos para dar resposta aos novos retos e oportunidades que se plantexan no sistema educativo. Deste xeito, dentro do plan EDUlingüe 2020 implántanse por primeira vez unha acción específica co fin de promover a certificación do profesorado; ou dentro da Estratexia galega de educación dixital 2020 introdúcense iniciativas formativas no ámbito STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Así mesmo, contémplanse accións para asesoramento e apoio da labor directiva; sobre igualdade, convivencia e inclusión; ou o desenvolvemento das Escolas de nais e pais; entre outros.