Política lingüística e Cola-Cola seguirán colaborando en materia de dinamización lingüística
O secretario xeral de Política Lingüística e a xefa de comunicación de Coca-Cola European Partners Iberia en Galicia mantiveron hoxe unha reunión de traballo para fixar novas vías de colaboración na promoción do uso do idioma
Máis de 3.000 mozos e mozas galegos participaron nas nove edicións do Concurso Novos Talentos que impulsan conxuntamente o departamento de Valentín García e a embotelladora da corporación multinacional estadounidense para España
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e Coca-Cola seguirán colaborando en materia de dinamización lingüística. Así o acordaron o titular deste departamento, Valentín García, e mais a xefa de Comunicación de Coca-Cola European Partners Iberia en Galicia, María Sande, na reunión de traballo que ambos os dous mantiveron hoxe pola mañá na sede herculina da embotelladora da corporación multinacional estadounidense para España, na que analizaron posibles novas vías de colaboración ma promoción do uso do idioma desde o ámbito socioeconómico. Ademais, avaliaron o Concurso Novos Talentos, que impulsan conxuntamente as dúas entidades e que este ano chegará á súa décima edición, unha mostra da aposta de Coca-Cola polo fomento do uso do galego e a creatividade na xente nova na que levan participado ata o momento un total de 3.100 mozos e mozas.
García Gómez quixo agradecerlle a Coca-Cola neste encontro e destacar que “a implicación dunha empresa tan sinalada é fundamental para a promoción do uso do idioma, así como para avanzar na aplicación do Plan de dinamización lingüística no tecido económico, aprobado hai un ano pola Xunta”. “A dimensión dunha marca de referencia e o seu impacto comercial e mediático son moi necesarios á hora de fomentar o uso do galego en ámbitos sociais tan decisivos como o económico ou o xuvenil”, destacou.
Nesta reunión, os dous representantes estiveron acompañados polo xerente da planta da Coruña, Oriol Folguera, encargado amosar o proceso de fabricación de Coca-Cola nun percorrido polas instalacións que fixo fincapé no compromiso de Coca-Cola European Partners coa innovación e mais cos procesos de mellorar ambientais.
Coca-Cola European Partners e o seu compromiso co idioma
Para alén do Concurso Novos Talentos, en maio de 2016, Coca-Coca Iberian Partners incorporou o galego á súa frota de coches comerciais, por medio da rotulación na lingua propia de Galicia de 30 dos seus vehículos, o que supuxo o 75 % dos que circulan polas cidades e vilas da nosa comunidade un total de 255 días ao ano para servir máis de tres millóns de caixas de produto e atender unha clientela que suma 13.000 establecementos.
Coca-Cola apostou así por unha acción de especial relevancia para a dinamización e a visibilización do idioma, desde as súas accións de responsabilidade e innovación social, que comparte os obxectivos establecidos nas directrices do Plan xeral de normalización da lingua galega e tamén no Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020 impulsado desde a Xunta de Galicia.