A Consellería de Educación inviste máis de 800.000 euros na ampliación do IES Monte Neme (Carballo)

Construirase un novo volume para albergar as aulas dos ciclos de formación profesional da familia de Administración e xestión

Mér, 28/06/2017 - 13:04

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, no enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170628/AnuncioG0164-220617-0004_gl.html, a licitación da obra de reforma e ampliación do IES Monte Neme de Carballo, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020; uns traballos que teñen como obxectivo dar resposta á matrícula crecente deste centro educativo. O orzamento previsto ascende a 825.902,38 euros, cun prazo de execución de 8 meses, polo que se prevé que as obras estean rematadas para o inicio do curso 2018/19.

A obra consistirá na construción dun novo volume que albergue as aulas dos ciclos de formación profesional da familia de Administración e xestión. Isto permitirá a localización das diferentes ensinanzas que o IES oferta en espazos diferentes, con cada familia profesional –tamén se imparten ciclos da de Electricidade e electrónica- nun edificio independente, e as aulas de ESO e Bacharelato no edificio principal do centro. As novas instalacións terán unha superficie útil de 503 metros cadrados, divididos en 4 aulas, aseos, sala de profesores, corredores e espazos de servizos.

Ademais, actuarase sobre os outros dous edificios, de tal forma que no principal se ampliará a biblioteca e realizaranse novas aulas de música, tecnoloxía e plástica. No caso do outro volume de FP, dotarase de novo equipamento o taller de fontanería e reformaranse os canlóns e os lucernarios.

Cómpre salientar que desde o curso 2009/10 a matrícula en FP neste instituto tense incrementado en case un 40%, e que o centro supera os 500 matriculados entre todas as ensinanzas que imparte.