Román Rodríguez anuncia a posta en marcha inminente das escolas de nais e pais
O conselleiro de Cultura e Educación participou hoxe na xornada 'Fortalecemento democrático. A educación e os valores europeos fronte aos radicalismos'
O titular do departamento educativo da Xunta incidiu na importancia da colaboración entre os diferentes axentes implicados na educación
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta mañá na inauguración da xornada Fortalecemento democrático. A educación e os valores europeos fronte aos radicalismos, onde anunciou a posta en marcha inminente das escolas de nais e pais, un mecanismo recollido no Decreto 8/2015, que desenvolve a Lei 4/2011 de convivencia e participación da comunidade educativa.
Deste xeito, tal e como sinalou o conselleiro, os pais e as nais van contribuír ao crecemento persoal dos seus fillos ou fillas a través do diálogo e da educación en valores, desenvolvendo unhas axeitadas normas de convivencia no contorno familiar. “Isto supón recoñecer o papel das familias como axentes educativos, xunto co profesorado, actuando como portadores de aspectos significativos para o desenvolvemento integral dos estudantes”, dixo.
O titular do departamento educativo da Xunta salientou a importancia desta colaboración entre todos os axentes implicados na educación para superar os novos retos que supoñen os radicalismos. Así mesmo, o conselleiro destacou a educación como a mellor ferramenta para preservar os valores dunha sociedade libre.
Neste sentido Román Rodríguez sinalou a Unión Europea como un gran proxecto a todos os niveis que contribuíu a incrementar a liberdade de quen a conforma e reivindicou os grandes valores democráticos que axudaron a crear a Europa,a España e a Galicia que hoxe coñecemos.
Relatorios e mesa redonda
Tras a inauguración, a xornada iniciouse cun relatorio de José Julio Fernández sobre a formación democrática da cidadanía diante dos riscos de seguridade. A continuación será a quenda de Andrés Contreras Serrano, conselleiro na representación de España diante da Unión Europea, que abordará os valores da cidadanía europea; e de José Antonio Mellón, da Universidade de Barcelona, cun relatorio sobre a inclusión como garantía fronte ao radicalismo.
O subdirector xeral de Ordenación e innovación educativa e formación do profesorado da Consellería, Manuel Vila, será o encargado de moderar a mesa redonda sobre as innovacións pedagóxicas para o fortalecemento democrático, na que participarán María del Mar Lorenzo, da Universidade de Santiago de Compostela; Josefa Izquierdo, do IEEE, e representantes de centros educativos. Xa pola tarde desenvolveranse diferentes obradoiros arredor dos espazos de inseguridade cidadá, o empoderamento contra a violencia de xénero e os enfoques europeos contra os radicalismos.