Convocatoria do Proxecto Educación Dixital E-Dixgal para o curso 2017/2018
Publicada a Resolución do 22 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola que se convoca a selección de centros para participar no proxecto Educación Dixital (E-Dixgal) durante o curso 2017-2018.
O proxecto Educación Dixital (E-Dixgal) ten como obxecto favorecer a incorporación xeneralizada das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) no desenvolvemento da actividade educativa, facilitando aos centros adscritos á Rede Abalar a dispoñibilidade de libros e doutros materiais dixitais cos que poidan desenvolver o seu proxecto curricular de 5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º da ESO no curso 2017-2018.
Os centros adscritos a este proxecto terán acceso a unha contorna virtual de aprendizaxe cos contidos gratuítos proporcionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os centros deberán utilizar para o desenvolvemento curricular materiais de referencia dixitais, que poden proceder desta contorna e/ou proporcionados polo centro. Se o centro conta con libros e outros materiais didácticos poderán empregarse como complemento ou apoio.
Poderán participar no procedemento de selección da presente convocatoria os centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia adscritos á Rede Abalar que impartan no curso 2017/2018 ensinanzas de 5º e 6º de educación primaria e/ou 1º e 2º da ESO.
Os centros que participaron na convocatoria do proxecto E-Dixgal realizada mediante Resolución do 22 de abril de 2014 (DOG do 30-04-2014) e resultaron elixidos, entenderanse automaticamente prorrogados na súa participación e non precisarán realizar nova solicitude como consecuencia do proceso de continuidade e consolidación do proxecto.
Pódense ver as mostras dos libros e toda a información do Proxecto na seguinte ligazón:
- https://eva.edu.xunta.es/course/index.php?categoryid=1951
- Usuario: edixgal
- Contrasinal: edixgal
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Máis información:
Portal web espazoAbalar
Correo electrónico: asesoria.tic@edu.xunta.es