Román Rodríguez destaca a formación, a creatividade e o arduo traballo do alumnado da Mestre Mateo
O conselleiro de Educación en funcións participou no Desfile Despunte 2016, organizado pola Escola de Arte e Superior de Deseño
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez, destacou a formación, a creatividade e o arduo traballo do alumando da Escola de Arte e Superior de Deseño (EASD) Mestre Mateo, que esta tarde celebrou o seu tradicional desfile de fin de curso na Cidade da Cultura de Galicia.
Na súa intervención durante o Desfile Despunte 2016, o titular do departamento de Educación da Xunta de Galicia felicitou ao profesorado e ao alumnado polo esforzo e o traballo conseguido nun sector “que sitúa a Galicia como centro de deseño, fabricación e calidade en Europa”. Neste sentido, e en palabras de Román Rodríguez, “Galicia ocupa un lugar propio na historia da moda e, grazas a vós, ese lugar vai seguir sendo destacado e puxante”.
Ademais do conselleiro, no acto tamén estiveron presentes o director EASD Mestre Mateo, Santiago Riande; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e a directora xeral de Comercio, Sol María Vázquez. Despois dos tres desfiles organizados, o xurado retirouse a deliberar para elixir aos gañadores e gañadoras en cada categoría.
En concreto, outórganse tres recoñecementos: o premios á mellor colección Despunte 2016 –orientado a alumnado recén graduado das Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño de Moda–, á mellor colección Miscelánea 2016 –que recoñece traballos de 3º curso do alumnado actual do 4º curso das Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño de Moda– e ao mellor look fusión Moda e Artesanía 2016. Nesta última categoría participan todos os looks do desfile de moda, tanto do alumnado graduado como do alumnado de último curso.
Apoio de Economía e Industria
De feito, a Consellería de Economía, Emprego e Industria colabora patrocinando un dos premios que se entregan no evento, concretamente o de mellor look fusión Moda e Artesanía 2016, que premia o look que mellor integra o uso da artesanía na moda, facendo referente tanto aos aspectos artesanais desenvoltos polos deseñadores como á colaboración con artesáns.