Un total de 27 alumnos do CIFP Carlos Oroza gradúanse en formación profesional dual

Román Rodríguez participou hoxe no acto de entrega de diplomas a estes estudantes, dos que boa parte continúa traballando na empresa Arlea Hotels

Ven, 30/09/2016 - 14:17
Un total de 27 alumnos do CIFP Carlos Oroza gradúanse en formación profesional dual

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez, participou hoxe na graduación do alumnado da promoción de formación profesional dual do CIFP Carlos Oroza. No acto participaron tamén o director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira, o director do centro, Manuel Hermo; entre outras autoridades, así como alumnos e docentes do CIFP.

Un total de 27 alumnas e alumnos recibiron hoxe os seus diplomas, tras cursar estudos nos ciclos superiores de Dirección de servizos de restauración, Dirección de cociña e Xestión de aloxamentos turísticos. Dado o éxito destes programas, ofertáronse novas prazas tanto o curso pasado como o actual.

De feito, o  grao de competencias adquirido por estes titulados foi destacado pola colaboradora no desenvolvemento dos tres ciclos formativos, Arlea Hotels. De feito, a compañía ofreceu traballo a todos os titulados, sendo 21 os que aceptaron esta proposta e pasan a ser traballadores desta empresa.

Durante a súa intervención o conselleiro de Cultura, Educación en funcións salientou que este acto de graduación fai visible os resultados do convenio de colaboración asinado fai dous anos e que permitiu a posta en marcha por primeira vez de tres proxectos de xeito simultáneo (Dirección de servizos de restauración, Dirección de cociña e Xestión de aloxamentos turísticos). “Dous anos despois -abondou- contemplamos os resultados dun esforzo que reforzou o compromiso da administración con este centro de recoñecido prestixio”.

Dirixíndose aos alumnos, Román Rodríguez subliñou que xa forman parte “do máis importante patrimonio ao que Galicia pode aspirar: persoas formadas e traballadoras”; e emprazounos a que se sigan formando para poder afrontar os retos de futuro nunha contorna cada vez máis competitiva e globalizada.

Ademais de felicitar aos graduados polo esforzo realizado e ás súas familias polo apoio prestado, tamén agradeceu o compromiso da empresa ArleaHotels e o doutras empresas coa implantación da FP dual en Galicia, así como a implicación do profesorado para levar adiante este tipo de proxectos formativos.

Referente innovador

O CIFP Carlos Oroza é un centro de referencia no sistema educativo galego e membro da Rede Galega de FP de Hostalaría. O centro destaca, ademais, polos seus proxectos innovadores, que acaban de valerlle – xunto cos IES Montecelo, Frei Martín Sarmiento e o CIFP A Xunqueira, así como con diversas empresas e a UVigo- un dos Premios de Innovación en FP que concede a Consellería, en concreto polo proxecto ‘PonteVan: FP na rúa’, que sigue a estela da tendencia dos ‘food trucks’.

O centro foi tamén galardoado nas edicións de 2013, polo deseño e creación dun produto turístico accesible para as persoas sen visión,  “Para ti, para min…para todos”; e no 2015, pola posta en marcha dunha iniciativa para investigar novos usos culinarios da lapa, así como por outro proxecto orientado a obter fibras vexetais para ser utilizadas como ingrediente alimentario.

Un centro renovado

Cómpre salientar que a Consellería está a realizar importantes obras de renovación neste centro, por un importe de máis de 1,4 millóns de euros. Deste xeito xa está en funcionamento o volume construído na primeira fase da actuación, que conta con case 1.700 metros cadrados distribuídos en baixo máis 2 plantas. Esta nova edificación, está conectada co edificio previamente existente e acolle na planta baixa a cociña demostración, economato e almacén con cámaras de frío; e na planta primeira  unha aula-taller de cociña.

Na segunda fase das obras, xa en marcha, estase acondicionando a planta segunda deste novo edificio con talleres de panadería e pastelería e confitería-chocolatería.