Case o 92% dos titulados nun máster do SUG obtiveron un emprego tras rematar estes estudos

Os datos proceden da única análise que existe en España sobre a inserción laboral destes titulados, que foi realizado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

Case o 90% dos que traballaban no momento da realización da enquisa facíao en Galicia

Xov, 21/07/2016 - 12:25

O secretario xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, José Alberto Díez de Castro, participou hoxe na presentación de resultados do ‘Estudo da inserción laboral dos titulados en Másteres no Sistema Universitario de Galicia 2010-2011’, a segunda edición dunha investigación única a nivel nacional que analiza a entrada no mercado laboral das persoas que cursaron este tipo de estudos, así como a valoración que dos mesmos fan. Neste sentido o secretario xeral de Universidades fixo fincapé en que os estudos de inserción laboral realizados pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) son únicos e pioneiros en España, ademais de teren un alto grado de fiabilidade pola súa calidade.

Neste sentido, e ao igual que ocorre co informe anual que realiza tamén a ACSUG sobre a inserción laboral dos titulados en licenciaturas e graos, destaca a amplísima mostra coa que a Axencia traballa. Non el balde, para o presentado hoxe foron enquisados 1.526 mozas e mozos do total de 2.099 que realizaron os seus estudos de máster no curso 2010-2011, é dicir un 72,70% da poboación obxecto. A enquisa realizouse entre xuño e xullo de 2014, aproximadamente 3 anos despois de obteren o seu título.

O obxectivo principal deste informe é proporcionar información sobre os titulados universitarios en másteres no Sistema Universitario de Galicia (SUG), de xeito que os resultados acadados contribúan á mellora da calidade das ensinanzas universitarias ofertadas aos futuros estudantes. Ademais do secretario xeral de Universidades, participaron na presentación a presidenta da ACSUG, Patrocinio Morrondo e o director da Axencia, Eduardo López Pereira.

Inserción laboral en Galicia

A situación laboral dos enquisados reflicte que un 91,9% dos titulados de máster traballaron nalgún momento desde que remataron estes estudos. Deles, un 73,5% estaba empregado no momento da realización das preguntas e un 18,4% que non estaba ocupado, pero si o estivo desde que acabou o máster. O restante 8,1% dos titulados non traballaron en ningún momento desde que remataron o máster. Neste mesmo sentido cómpre sinalar que dos enquisados un 68,3% xa traballaban con anterioridade á realización do máster; e que a maioría, o 61,6%, simultanearon o seu posto de traballo co máster.

Por ramas de coñecemento, os mellores resultados no tocante ao acceso ao emprego despois do máster preséntanos as ramas de Ciencias da Saúde e de Enxeñaría e Arquitectura. Na primeira, un 94,0% dos titulados traballou nalgún momento desde a finalización do máster, e ata un 77,2% facíao no momento da enquisa. En canto á rama de Enxeñaría e Arquitectura, estas porcentaxes son do 93,6% para os que traballaron logo de remataren o máster, e do 81,0% para os que contaban cun emprego cando recibiron a chamada. Nas ramas de Ciencias e de Artes e Humanidades os datos son dun12,5% e un 11,9%, respectivamente.

Cómpre destacar que a gran maioría dos titulados en másteres no SUG traballaba en Galicia 88,1% no momento da realización da enquisa; mentres que o 10,1% dos titulados tiña a súa ocupación laboral nalgún lugar do resto de España, e o 1,7% fóra de España, de forma maioritaria en países pertencentes á Unión Europea.

Así mesmo, cabe indicar que o tempo medio para que un titulado de máster atope traballo despois de rematalo é de 8,29 meses; cifra que baixa ata os 6,31 meses no caso da rama de Enxeñaría e Arquitectura e aos 6,36 na de Ciencias da Saúde. Pola contra este tempo increméntase nas ramas de  Ciencias (10,27 meses) e Artes e Humanidades (10,21 meses).

Motivación e satisfacción

No referido aos motivos polos que cursar estes estudos, o máis destacado polos enquisados foi o de complementar a formación académica para obter unha maior especialización no mercado de traballo, ampliar as saídas laborais e acadar un maior desenvolvemento profesional (57,6%). En segundo lugar, os enquisados apuntaron a complementar a formación académica previa para realizar o doutoramento e dedicarse á investigación (30,1%), seguido dun 17,0% de titulados que afirmaron que o máster era necesario ou obrigatorio para o seu futuro emprego ou perspectiva laboral (profesores de secundaria, avogados, etc.).

Tras a realización destes estudos, un 57,5% dos enquisados considera que o más ter si lles ofreceu bastante ou moita formación adicional; e un 44,1%  afirmou que o seu o seu traballo está bastante ou moi relacionado co programa que cursou.

En canto á valoración do máster por parte dos titulados, o 73,3% volverían a realizar o mesmo máster; ao consideralo o 42,4% bastante ou moi útil. Ademais, o 39,6% considera que estes estudos están bastantes ou moi valorados no seu ámbito laboral, mentres que un 33,1% percíbenos como pouco ou nada estimados.

A este respecto o secretario xeral de Universidades considerou que é necesario potenciar a especialización académica dos másteres, incentivando a creación de novos proxectos de títulos cunha clara vocación profesional, de alta demanda laboral, e que permitan cubrir perfís profesionais ata o momento pouco atendidos. En calquera caso Díez de Castro explicou que “a Xunta pode impulsar e apoiar o proceso, e de feito xa se está a esixir nas memorias de todos os novos proxectos de máster unha axeitada xustificación da oportunidade do título, a súa adaptación a perfís profesionais de futuro e que incorporen obrigatoriamente prácticas externas”, pero lembrou que as universidades son quen elaboran as memorias das titulacións e, por tanto, quen deben afondar nesta nova vía de oferta educativa.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza