A Consellería de Cultura e Educación, Salica e o CIFP Coroso poñen en marcha un novo proxecto de FP Dual para impulsar a empregabilidade de 12 mozas e mozos
O proxecto axustarase ao currículo do ciclo de grao medio en Elaboración de Produtos Alimentarios
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinou hoxe un convenio de colaboración co director xeral de Salica, Alimentos Congelados, S.A., Javier Arbaiza Franco, para a posta en marcha dun novo proxecto de Formación Profesional Dual para 12 alumnos que cursen o ciclo de grao medio en Elaboración de Produtos Alimentarios. O centro encargado de impartir a formación curricular será o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Coroso, da localidade coruñesa de Ribeira, un centro de referencia na familia profesional de Industrias Alimentarias.
Deste xeito apóstase por unha experiencia que se estenderá aos cursos 2016/2017, 2017/2018 e parte do 2018/2019 (neste último só con formación na factoría) na que case se equipara o tempo da formación no centro que recibe o alumnado (52% do tempo total) co dedicado á preparación na empresa (48%).
Distribución e formación complementaria
Así, segundo o establecido no convenio asinado hoxe, durante o primeiro trimestre de cada un dos cursos deste proxecto o alumnado adquirirá formación no centro educativo no horario lectivo que se estableza. O restante tempo o as alumnas e alumnos permanecerán na sede de Salica.
En calquera caso, cómpre sinalar que, atendendo ás características da empresa, o primeiro ano de vixencia deste proxecto dedicarase un 10 % do tempo de estadía do alumnado na empresa á formación complementaria á establecida no currículo do ciclo formativo correspondente, para reforzar a formación do alumnado e mellorar a súa empregabilidade. No segundo ano, esta porcentaxe será do 5 %.
Salica, Alimentos Congelados, S.A. achegará a cada alumno ou alumna do proxecto, en períodos mensuais, unha bolsa por un importe que non poderá ser inferior á parte proporcional, en función do tempo de actividade profesionalizadora que realice o alumnado durante a súa estadía na empresa, do salario mínimo interprofesional, publicado para cada ano de duración do proxecto.
Nova estratexia na FP
No marco deste acto de sinatura o conselleiro quixo agradecer a implicación desta compañía e de todas aquelas que contribúen ao avance da FP na nosa Comunidade e, concretamente, á implantación da FP Dual. Neste sentido convidou á empresa a participar no proceso de elaboración da nova estratexia de formación profesional que se está preparando para o horizonte dos 10 próximos anos, co obxectivo de fortalecer os sectores produtivos de Galicia, dotándoos de profesionais de alta cualificación preparados para afrontar a innovación e os novos retos que a competencia global.