Cultura e Educación e Gas Natural Fenosa poñen en marcha un novo proxecto de FP Dual no IES Urbano Lugrís da Coruña
O conselleiro Román Rodríguez lembrou que esta modalidade “é útil para os alumnos, para as empresas e para o conxunto do país” porque permite formar profesionais altamente cualificados e preparados para os retos actuais e futuros
Esta iniciativa enmárcase nun amplo convenio de colaboración asinado hoxe coa compañía no ámbito da FP co fin de favorecer que o alumnado realice prácticas na empresa ou que o profesorado actualice as súas competencias
Ao abeiro deste acordo tamén se poñerá en marcha a primeira Aula Gas Natural Fenosa neste instituto, que estará dotada de equipos e materiais tecnolóxicos de última xeración
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e a directora de xestión do Talento e Universidade Corporativa de Gas Natural Fenosa, Teresa Manobens Solà, asinaron hoxe un amplo convenio de colaboración en materia de Formación Profesional para, entre outras accións, poñer en marcha un proxecto de FP Dual no IES Urbano Lugrís da Coruña.
En virtude deste acordo, o instituto coruñés contará cunha nova oferta para que arredor de 22 alumnos e alumnas do ciclo de grao superior de Sistemas electrotécnicos e automatizados alternen a súa formación entre o centro educativo e as instalacións da compañía. Trátase dun modelo que permite reforzar os seus coñecementos prácticos, adaptar a súa formación ás necesidades produtivas da empresa e preparalos para o futuro mercado laboral.
O novo ciclo de FP Dual, que se poñerá en marcha o vindeiro curso 2016-2017, suporá que, das 2.000 horas de formación, case a metade se desenvolverán na propia empresa. Esta, ademais, outorgará unha beca mensual de 530 euros ao alumnado participante durante o período de estancia nela.
O conselleiro, que agradeceu a “fonda implicación” da compañía, enmarcou esta cooperación na aposta da Xunta pola Formación Profesional. Neste contexto, a FP Dual xoga un papel fundamental, posto que –en palabras de Román Rodríguez– se trata dunha modalidade que “é útil para os alumnos, para as empresas e para o conxunto do país” porque permite formar profesionais altamente cualificados e preparados para os retos actuais e futuros.
“Que unha compañía tan importante no seu sector como Gas Natural Fenosa crea neste sistema confírmanos que imos polo bo camiño”, salientou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia.
Formación en centros de traballo
Ademais de poñer en marcha un novo proxecto de FP Dual no IES Urbano Lugrís, o convenio de colaboración tamén inclúe a posibilidade de que o alumado de FP poida realizar a súa formación en centros de traballo (FCT) nas instalacións da compañía, así como formación e actualización do profesorado. A maiores, recóllese a opción de acreditar a experiencia profesional dos traballadores e traballadoras da compañía, e mesmo a convocatoria daquelas cualificacións profesionais vinculadas a determinados postos de traballo da mesma.
Por outro lado, o acordo implica o desenvolvemento de accións conxuntas para poñer en marcha proxectos de innovación tecnolóxica, científica ou didáctica nos centros de FP e mesmo a creación de Aulas Gas Natural Fenosa.
Primeira aula equipada con tecnoloxía punteira
Neste sentido, a primeira aula destas características entrará en funcionamento o ano que vén no IES Urbano Lugrís e estará equipada con materiais didácticos específicos de última xeración que lle permitirán ao alumnado da familia profesional de Electricidade e Electrónica actualizar os seus coñecementos técnicos e adaptarse ás novas demandas do mercado. Deste xeito, a compañía poñerá a disposición deste centro coruñés unha serie de medios tecnolóxicos punteiros co obxectivo de favorecer a formación práctica do alumnado.
En definitiva, e segundo destacou Román Rodríguez, trátase dunha colaboración e implicación a todos os niveis que contribúe a sentar as bases da nova ruta da Formación Profesional, “que debe responder ás necesidades dos sectores produtivos”. “Estamos moi agradecidos á compañía por apostar pola FP e, sobre todo, pola FP Dual”, subliñou o conselleiro.