Os Clubs de Lectura dos centros educativos galegos premian a obra de Ledicia Costas
A Consellería de Cultura e Educación publica a resolución deste galardón, co que se recoñece o autor galego máis lido polos clubs de lectura do ámbito educativo no curso precedente
A escritora viguesa Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015, vén de acadar o Premio dos Clubs de Lectura 2016, un galardón co que se recoñece o autor galego máis lido polos clubs de lectura do ámbito educativo no curso precedente. Así se recolle na resolución publicada hoxe pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coincidindo co Día Mundial do Libro, e que pode consultarse no blog de Bibliotecas Escolares de Galicia: https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/ .
Este é o segundo ano que se concede este premio, creado para recoñecer o labor das autoras e autores galegos que facilitan cos seus libros a función do profesorado como mediadores de lectura e que concitan o interese dos participantes nos clubs de lectura. Na primeira edición, a de 2015, o galardón foi para o escritor chairego Agustín Fernández Paz.
A entrega do premio farase no transcurso da IX Xornada dos clubs de lectura que se celebrará en Santiago de Compostela o 10 de xuño, coa asistencia do profesorado que coordina os clubs de lectura existentes este curso.
239 clubs de lectura
Neste curso 2015/2016 funcionan clubs de lectura co apoio da Consellería en 239 centros de ensino secundario e postobrigatorio de Galicia. O 74% deles acolle varios grupos de lectura´, que desenvolven as súas sesións fóra do horario lectivo. A Consellería destina un total de 200.000 euros co fin de sufragar os gastos derivados do desenvolvemento das actividades que organizan estes clubs. En concreto, as contías están destinadas, fundamentalmente, á adquisición de libros para realizar as diferentes accións, volumes que posteriormente pasarán a engrosar os fondos da biblioteca escolar.
O valor especial desta iniciativa parte do feito de que nos clubs participan docentes e familia e, polo tanto, implican ao conxunto da comunidade educativa. Desta forma, os clubs funcionan como un espazo integrador e de encontro no que alumnado, pais, nais... poden intercambiar opinións e experiencias lectoras arredor dun libro. Son, por tanto, unha clara oportunidade para fomentar o hábito lector entre os mozos e mozas, así como un entorno ideal para promover a convivencia harmoniosa no seo da comunidade educativa.
Asemade, os clubs están a funcionar, en moitos casos, como unha vía para descubrir os novos soportes para a lectura dixital, espazos para a experimentación con dispositivos electrónicos e formatos como os booktrailers, os blogues e as redes sociais.