Convocatoria do Proxecto Educación Dixital E-DIXGAL para o curso 2016/2017
Publicada no DOG a Resolución do 13 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca a selección de centros para participar no proxecto Educación Dixital E-DIXGAL durante o curso 2016/2017.
Esta iniciativa ten como obxecto favorecer a incorporación xeneralizada das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) no desenvolvemento da actividade educativa, poñendo a disposición dos centros unha contorna virtual de aprendizaxe (EVA) con libros e outros materiais dixitais cos que poderá desenvolverse a totalidade do currículo dos cursos 5º e 6º de Educación Primaria e 1º e 2º de ESO. O EVA complétase con ferramentas que permiten facer un seguimento da actividade do alumnado, crear novos contidos dixitais, comunicarse con outros membros da comunidade educativa, etc.
- O prazo de presentación de solicitudes é dun mes a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, rematando o sábado 21 de maio.
Poden participar nesta convocatoria os centros adscritos á rede Abalar que impartan ensinanzas de 5º de Educación Primaria e/ou 1º de ESO durante o curso 2016-2017.
Características:
- Os centros manterán o programa un mínimo de 2 anos.
- Os materiais poderán utilizarse tanto online como offline.
- Os centros participantes contarán co asesoramento, asistencia técnica e seguimento da Rede de Formación Permanente do profesorado, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e os servizos de inspección educativa.
- Debe propoñerse unha persoa responsable da coordinación do proxecto.
- O EVA incorporará libros de dúas editoriais, podendo elixir calquera delas, combinalas ou empregar outros materiais proporcionados polo centro. Se o centro conta con libros e outros materiais didácticos poderán empregarse como complemento ou apoio aos libros dixitais proporcionados no proxecto E-DIXGAL.
- O EVA incorporará unha ferramenta de autor para a creación de contidos educativos dixitais.
Pódense ver as mostras dos libros da editorial Netex nos seguintes enlaces:
- 5º Educación Primaria: https://eva.edu.xunta.es/course/view.php?id=17139
- 1º ESO: https://eva.edu.xunta.es/course/view.php?id=2165
Usuario: Edixgal
Contrasinal: Edixgal
Documentación necesaria
- Solicitude segundo o modelo do anexo da convocatoria.
- Proxecto concretando a implantación no centro segundo o guión do punto cuarto da convocatoria.
- Proposta da persoa coordinadora do proxecto.
Os centros que na actualidade están en E-DIXGAL en Educación Primaria e pidan a continuidade na Educación Secundaria Obrigatoria non é necesario que entreguen este proxecto, pero si deben presentar a solicitude.
Máis información:
Portal web espazoAbalar
Correo electrónico: asesoria.tic@edu.xunta.es
Teléfono: 981 546 514