Román Rodríguez destaca o crecemento da FP no CIFP A Xunqueira, un centro de referencia no ámbito da madeira
O conselleiro comprobou o resultado das obras de ampliación que se levaron a cabo no centro, que contaron cunha inversión próxima aos 400.000 euros
Nos novos espazos instalouse un taller de madeira para a FP Básica de Carpintería e moble, un almacén e unha zona para que o alumnado realice prácticas de montaxe de casas prefabricadas e estruturas similares
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe as novas instalacións do CIFP A Xunqueira, onde destacou o crecemento e a aposta pola Formación Profesional neste centro, “referente” no ámbito da familia profesional de Madeira, Moble e Cortiza. Segundo subliñou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, “este centro reflicte todo o que queremos para a Formación Profesional do futuro”, tanto no que atinxe a FP Básica como a FP Dual.
Durante o percorrido polo novo volume, o conselleiro lembrou que o seu departamento investiu preto de 400.000 euros para mellorar as infraestruturas deste CIFP e, en concreto, para dotar de máis espazo ao alumnado de FP Básica. De feito, esta ampliación alberga un taller de madeira pensado para a FP Básica de Carpintería e moble –no que hoxe estaban en pleno proceso de fabricación–, un almacén e unha zona para que o alumnado poida realizar prácticas de montaxe de casas prefabricadas de madeira e estruturas similares.
A obra, rematada no mes de decembro, consistiu no peche dos laterais da antiga pista polideportiva cuberta para o acondicionamento neste espazo de 635,12 metros cadrados en superficie construída e 624,23 en superficie semiaberta. Ademais, construíuse unha pasarela exterior cuberta para conectar este novo volume coa edificación existente.
A maiores de ofertar esta FP Básica, o CIFP conta con outros dous ciclos vinculados á familia profesional de Madeira, Moble e Cortiza: os ciclos medios de Carpintaría e moble e o de Instalacións e amoblamento.
Nova FP Dual
Por outro lado, o conselleiro tamén lembrou que neste centro pontevedrés se puxo en marcha este curso FP Dual no ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia, no que están matriculados 12 alumnos. Cómpre salientar que a FP Dual é unha modalidade intimamente vinculada á realidade social e ao entorno produtivo de cada zona, coa que non só se mellora a cualificación dos mozos e mozas, senón que tamén se favorece a súa inserción laboral.
Preto de 1,7 millóns en melloras na FP
Os traballos de ampliación levados a cabo no CIFP A Xunqueira súmanse á actuación no CIFP Carlos Oroza, nos que se investiron máis de 1,2 millóns de euros para construír un novo volume de case 1.700 metros. En concreto, ámbalas dúas actuacións de mellora de espazos para a FP suman un investimento próximo aos 1,7 millóns de euros.