Cultura e Educación e Concello de Santiago pechan unha folla de ruta de colaboración para atender as necesidades educativas do CEIP Lamas de Abade

O vindeiro curso 2016-2017, a Consellería habilitará dúas unidades dentro do espazo do centro para dar resposta á demanda de prazas escolares, mentres que o Concello deberá poñer a disposición a antiga vivenda do conserxe para o 17-18

O obxectivo último é levar a cabo unha ampliación co fin de dotar ao colexio doutras seis aulas

Mar, 12/04/2016 - 18:10
Cultura e Educación e Concello de Santiago pechan unha folla de ruta de colaboración para atender as necesidades educativas do CEIP Lamas de Abade
Cultura e Educación e Concello de Santiago pechan unha folla de ruta de colaboración para atender as necesidades educativas do CEIP Lamas de Abade

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; mailo alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, pecharon hoxe unha folla de ruta para os vindeiros tres anos co fin de atender as necesidades de escolarización do CEIP Lamas de Abade. Trátase, en palabras do titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, dunha “senda de tres anos con tres fitos para dar resposta á demanda de prazas escolares”.

Nunha reunión de traballo mantida hoxe na Consellería –na que tamén participaron o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; e o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios–, acordáronse as diferentes actuacións que, partindo desde unha colaboración institucional, se levarán a cabo nos vindeiros tres cursos no dito colexio.  

Deste xeito, de cara ao próximo curso 2016-2017, a Consellería habilitará dúas novas unidades dentro do espazo do propio centro. O seguinte curso, é dicir, o 2017-2018, o Concello deberá poñer a disposición a antiga vivenda do conserxe, actualmente ocupada por unha persoa allea ao centro, co obxectivo de adecuala para usos educativos.

Curso 2018-2019

E por último, ao longo do período académico 2018-2019 levarase a cabo a ampliación do CEIP. Neste proxecto contémplase a creación de seis novas aulas, o que permitirá, a corto prazo, dar unha solución acaída á demanda de escolarización prevista.

Tal e como salientou o conselleiro, esta folla de ruta de colaboración –confirmada hoxe tras varios encontros de traballo entre ámbalas dúas administracións durante estes últimos meses– “é unha proxección realista que permite abordar de xeito inmediato as demandas da cidade nesta zona”, puntualizou.