Título node Learning object
O CEIP Padre Feijoo, o Concello de Allariz, a Policía Local e a Dirección Xeral de Tráfico presentaron o xoves 30 de marzo o proxecto de camiño escolar que se está a levar a cabo no núcleo urbano. Esta actividade arrancou a través da participación do centro no proxecto europeo de camiños escolares "The Traffic Shake Game" ("O xogo da serpe", adaptado a Allariz co nome "Serpe papa-leguas"). Trátase dun xogo co que se traballa e incentiva a mobilidade do alumnado de primaria, a pé e sen tutela de adultos (ou sexa, sen o acompañamento das familias), no camiño da casa á escola. Neste xogo participa todo o alumnado de primaria do CEIP Padre Feijoo (260 nenos e nenas).
O centro desenvolveu a actividade en 3 fases:
- fase de avaliación inicial: durante 2 semanas (do 1 ao 12 de febreiro) realizouse a identificación e rexistro dos tipos de desprazamento do alumnado (a pé, en coche, en bici, en bus, acompañados, sós...) sen o seu coñecemento. Deseguido, o centro informou por carta ás familias da intención de desenvolver o xogo da serpe, e explicou o seu obxectivo e metodoloxía.
- fase de xogo: durante 2 semanas o alumnado (do 15 ao 26 de febreiro), prolongouse ata o 4 de marzo. Incentivou a través do xogo a práctica de desprazamentos máis sostibles (a pé, en bici, en coche compartido) e autónomos (sen tutela de adultos), co que se viu reducida nun 50% a presenza de tráfico rodado no contorno escolar e se detecteu un aumento da autonomía do alumnado participante. A serpe está no patio cuberto, os nenos desprazados sostiblemente (andando, en bici, en bus escolar, en coche compartido) van indicando con adhesivos pegados sobre o debuxo dunha serpe como realizan os seus desprazamentos. Ademais, o alumnado expresará a súa experiencia a través dun conto.
- fase postavaliación: 2 semanas despois faise unha postavaliación para comprobar a implantación dos novos hábitos adquiridos. Finalmente, realizarse unha entrega de premios ao alumnado participante durante o 3º trimestre do curso 2015/16 para recoñecer o esforzo realizado.
O Concello de Allariz e a Policía Local (Miguel e Antonio) deseñaron a campaña de camiño escolar (simbolizada polo logo "Don Pé") e identificaron os cinco percorridos seguros (identificados por cores) que pode realizar o alumnado que acode ao CEIP Padre Feijoo cada día. Ademais, o Concello emprendeu un labor de peonalización de áreas urbanas (para aumentar as zonas de prioridade peonil), de sinalización dos camiños (para favorecer a orientación dos máis pequenos e visibilizar a súa presenza) e mais de acondicionamento do viario (para garantir que os percorridos se realicen en condicións de seguridade e accesibilidade). Ademais persoal voluntario contactado polo Concello (Protección Civil e o asociacións de maiores) realizará labores de acompañamento para garantir que os cruzamentos se realicen sen incidencias. Ao longo do curso 2016/17 implantarase o traballo de camiños escolares con vocación de continuidade.
Esta acción estase a desenvolver en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, que coordina o programa "Mobilidade sostible e segura" do Plan Proxecta, iniciado no curso 2015/16. A coordinadora de educación viaria da Xefatura de Tráfico de Ourense, Sinda Aguiar, asesorou o Concello e o CEIP para botar a andar o programa do Plan Proxecta no CEIP Padre Feijoo. Os obxectivos do programa son aumentar a autonomía infantil, reducir os contextos de risco viario para o alumnado, favorecer o respecto polo medio...
O Concello de Allariz ten unha longa traxectoria de recoñecementos urbanísticos e ambientais polo seu labor de conservación patrimonial e de iniciativas de desenvolvemento sostible (Conxunto Histórico Artístico, Premio Europeo de Urbanismo, Reserva da Biosfera da UNESCO...).
O CEIP Padre Feijoo é o primeiro centro galego que participa no proxecto europeo de camiños escolares "The Traffic Shake Game".
Para obter máis información da actividade:
- nova en La Región,
- contacto na Policía Local (Miguel Á. López Sánchez e Antonio Puga Fernández): policialocal@allariz.com, 988 44 00 00
- contacto na DXT (Sinda Aguiar Rodríguez): educacionvial.jptou@dgt.es, 988 234 311 ext. 22