Román Rodríguez visita o novo IES de Carral, con capacidade para 360 alumnos e no que educación investiu 3,6 millóns de euros
Durante a súa visita ao centro, o conselleiro salientou que o compromiso coa mellora educativa na área da Coruña reflíctese en obras coma esta que se unen ás do novo CEIP de Nós (Oleiros) e do novo IES de Culleredo
O Goberno galego mobiliza uns 20 millóns de euros en novas infraestruturas educativas nesta zona, o que supón a creación dunhas 2.200 novas prazas escolares
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá as instalacións do novo Instituto de Educación Secundaria (ESO) de Carral, que comezou a funcionar o pasado mes de setembro con 210 alumnos e alumnas.
A Consellería de Cultura e Educación investiu un total de 3,6 millóns de euros na construción deste novo instituto, con capacidade para 360 prazas. Unha obra que, segundo explicou Román Rodríguez, reflicte o importante esforzo orzamentario que está a facer o seu departamento en novas instalacións e dotación e mellora de centros educativos na área metropolitana da Coruña.
De feito, xunto co CEIP de Carral, no presente curso tamén abriron as súas portas o novo CEIP de Nós (en Oleiros) e o novo IES de Culleredo, polo que a Consellería vén de habilitar no actual curso escolar preto de 1.300 novas prazas educativas na área coruñesa. Xunto con outras 900 que se engadirán nos vindeiros anos, estamos a falar dunhas 2.200 prazas de nova creación nesta zona que supoñen a mobilización de 20 millóns de euros.
Precisamente, nesta mesma área, a Consellería está traballando na construción do novo colexio de Infantil e Primaria en Culleredo (cun investimento inicial de máis de 4 millóns de euros e capacidade para 480 alumnos e alumnas) e do CEIP de Novo Mesoiro (na Coruña), cun investimento de 3,8 millóns de euros e 450 prazas de Infantil e Primaria.
Características técnicas
O IES de Carral ten unha superficie total construída de máis de 2.900 m2 dos cales 139 son de patio cuberto. O edificio está distribuído en dous andares con 12 aulas de educación secundaria obrigatoria, o que supón 360 prazas para alumnado. Tamén conta, na súa planta baixa, con ximnasio, biblioteca, cafetaría, aula de informática, zona de administración, despachos de dirección, sala para a ANPA, aseos adaptados a persoas con discapacidade e zona de servizos e instalacións. A planta primeira acolle o taller de tecnoloxía, as aulas de música e de educación plástica e visual, o laboratorio de ciencias experimentais, 3 aulas de apoio, reforzo e desdobramento, seminarios e aseos de alumnado e profesorado.
Ademais, conta con 13 novos profesores que se suman aos docentes de secundaria que proceden do ata o de agora CPI Vicente Otero Valcárcel e que, coma no caso dos alumnos de Secundaria deste centro, pasaron ao novo IES.