Román Rodríguez defende os contratos-programa como unha ferramenta innovadora para a mellora da calidade do ensino
O conselleiro asegurou que esta iniciativa, que beneficia neste curso a 82.000 alumnos, contribuíu a baixar a taxa de abandono temperá en Galicia ata o 17%, nove puntos por debaixo da media de 2009
Educación segue apostando pola aprendizaxe das linguas a través do Plan de Potenciación de Linguas Extranxeiras con accións específicas tanto para o alumnado coma para o profesorado
Os contratos-programa son unha “ferramenta innovadora” para afondar na mellora do rendemento do alumnado e, por extensión, na calidade do sistema educativo galego en xeral. Así o asegurou hoxe no Parlamento o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, quen salientou que esta iniciativa é, sen dúbida, un dos elementos das políticas educativas que permitiu baixar o abandono educativo temperá en Galicia ata situala na media do 17% no ano 2015, case 9 puntos menos ca media do ano 2009.
Desde a súa implantación hai cinco anos, os contratos-programa foron evolucionando curso tras curso e, a día de hoxe, un de cada tres centros de ensino público e 82.000 alumnos de toda Galicia estanse beneficiando desta iniciativa. Esta iniciativa se basea na posta en marcha de accións centradas no reforzo, orientación e apoio; na mellora das competencias clave; na mellora da convivencia nos centros e da prevención do abandono temperán e do absentismo escolar; na mellora do nivel de coñecemento para acadar a excelencia e na mellora da calidade na xestión dos centros.
Segundo Román Rodríguez, o éxito dos contratos-programa radica, entre outros, na participación voluntaria por parte dos centros educativas e na formación dun equipo integrado por profesores, alumnos e familias para traballar nun proxecto común.
Aprendizaxe de linguas
Doutra banda, -en resposta a unha interpelación sobre a aprendizaxe de linguas -, Román Rodríguez sinalou que o seu departamento continúa co Plan de Potenciación de Linguas Estranxeiras, dirixido tanto ao alumnado coma ao profesorado. A día de hoxe máis do 75 por cento dos centros sostidos con fondos públicos participan nalgunha das actuacións encadradas neste Plan. Ademais, o número de Centros Plurilingües pasou dos 58 no cursos 10-11 aos 257 actuais, e as seccións bilingües incrementáronse das 720 no curso 2008-2009 ata as 3.630 actuais. A isto hai que engadir actividades de formación do profesorado vinculadas ao Plan, que supuxeron un desembolso duns 14,8 millóns de euros nos últimos cinco anos.