Román Rodríguez coñece de primeira man o proxecto de FP Dual que estudantes do Politécnico de Vigo desenvolven na empresa Benteler Automotive S.L.
A Consellería de Cultura e Educación e a firma de automoción colaboran para que os alumnos e alumnas do ciclo formativo de grao medio de Mantemento Electromecánico combinen a súa formación académica no instituto coa formación práctica nesta factoría
A Formación Profesional é un dos piares do sistema educativo actual e unha aposta do Goberno galego que redunda na diminución da taxa de abandono temperá, que no caso de Galicia baixou en 8,8 puntos desde 2009
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, acompañado do xerente de Benteler Automotive S.L., Guillerme Aibeo; do director de Recursos Humanos, Carlos Casal; e do delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; visitou hoxe esta empresa para comprobar de primeira man a formación que reciben os estudantes que cursan o ciclo formativo de grao medio de Mantemento Electromecánico na modalidade de FP Dual.
A estancia dos estudantes nesta factoría de automoción é froito dun acordo de colaboración entre Benteler Automotive S.L. e a Consellería que se puxo en marcha por primeira vez no curso 2014-2015. A raíz desta cooperación, actualmente 28 alumnas e alumnos do ciclo de grao medio en Mantemento Electromecánico que cursan os seus estudos no IES Politécnico de Vigo teñen a posibilidade de combinar a formación académica neste instituto con prácticas nas instalacións Benteler.
Dous proxectos en activo
Na actualidade están vixentes dous proxectos nesta empresa, con 14 estudantes cada un deles. O primeiro proxecto comezou no curso 2014-2015, no cal todos eles realizaron a súa formación íntegra no centro educativo. No actual curso 15-16 e no 16-17, o alumnado asiste un día á semana ao instituto e os catro días restantes reciben a formación nas instalacións da propia empresa.
O segundo proxecto –con outros 14 alumnos e alumnas- púxose en marcha no presente curso e co mesmo plan de formación que o anterior. É dicir, que neste curso os estudantes reciben a súa formación íntegra no centro, mentres que nos vindeiros cursos 16-17 e 17-18 compaxinarán un día de formación práctica no IES cos catro días restantes á semana na empresa.
O obxectivo da FP Dual é avanzar no nivel de cualificación do alumnado da FP galega en situacións de traballo reais preparándoos para o futuro mercado laboral, ao tempo que se facilita que as empresas impartan aos estudantes formación personalizada e adaptada ás necesidades concretas do seu funcionamento como compañía.
O impulso da FP, unha aposta do Goberno galego
O impulso e posta en valor da Formación Profesional é unha das prioridades do departamento de Educación da Xunta. De feito, a FP é hoxe en día un dos piares do sistema educativo, e a posibilidade de combinar, como é o caso da FP Dual, formación académica con adquisición de competencias prácticas nas empresas, supón un atractivo máis para os estudantes que apostan por este tipo de ensinanzas.
Xunto a esta formación, iniciativas como os contratos-programa forman parte do conxunto de elementos que contribuíu a unha considerable redución da taxa de abandono educativo temperá nos últimos anos en Galicia. De feito, a porcentaxe media de abandono situouse no 17% en 2015, tres puntos por debaixo da media estatal e 8,8 puntos menos que a rexistrada en 2009.