Román Rodríguez destaca o traballo da rede de formación do profesorado, que mellora as competencias de preto de 19.000 docentes cada ano
O conselleiro de Educación participou na primeira sesión dunhas xornadas que congregan a toda a rede, constituída por un centenar de asesores que axudan a afondar e actualizar a formación do profesorado galego
O titular do departamento educativo da Xunta lembrou que o curso pasado se contabilizaron por riba de 70.000 inscricións nas máis de 2.000 actividades que se realizaron, o que supera as dez accións formativas por día lectivo
Tamén salientou o potencial do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), que foi seleccionado recentemente para coordinar un proxecto internacional
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou hoxe a implicación e o traballo que están a desenvolver os profesionais pertencentes á Rede de Formación do Profesorado co obxectivo de actualizar e achegar novos contidos formativos, así como mellorar as competencias dos docentes galegos.
No transcurso dunhas xornadas que se celebran entre hoxe e mañá e nas que participa toda a rede –constituída por un centenar de persoas asesoras–, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou que o curso pasado, máis de 18.700 profesoras e profesores beneficiáronse das máis de 2.000 actividades desenvoltas ao abeiro do Plan de Formación do Profesorado.
“Isto quere dicir –sinalou o conselleiro– que máis do 60% dos docentes galegos participa nalgunha destas accións, mellorando así día a día a súa formación”. De feito, en total contabilizáronse por riba de 70.000 inscricións nas diferentes actividades desenvoltas nos centros, cursos, xornadas ou congresos. En todo caso, cómpre lembrar que o 60% destas iniciativas (en torno ás 1.200) se realizan nos propios centros educativos.
Tal e como recordou o conselleiro, o Plan do curso actual 2015/2016 ofrece unha base de 370 actividades e máis de 20.000 prazas formativas, aínda que os números tenden a duplicarse. O obxectivo da Consellería pasa non só por seguir fomentando a aprendizaxe continua dos docentes a través destas accións, senón por acadar que 4 de cada 10 centros conten cun Plan de Formación Permanente do Profesorado.
Xornadas para o intercambio de coñecementos
Ademais, os diferentes plans de formación do profesorado tamén impulsan a actualización constante das persoas asesoras que pertencen á rede. Precisamente, estas dúas xornadas que se están a celebrar en Sanxenxo buscan o intercambio de coñecementos entre os diferentes profesionais que forman ao profesorado co fin de afondar nas estratexias de mellora a acometer.
Neste sentido, o Plan de Formación do Profesorado para este curso está articulado en función das competencias consideradas necesarias para un axeitado desenvolvemento da profesión docente, tales como a xestión do coñecemento, a destreza nas TIC, a competencia para ser guía no proceso de ensino e a habilidade para contribuír a crear centros saudables e con seguridade integral. Todos eles, aspectos que se abordarán durante estas xornadas.
Centros na vangarda europea
Así mesmo, o conselleiro salientou o potencial dos diferentes centros de formación e recursos cos que conta a Consellería e, en especial, gabou o labor do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), recentemente seleccionado para coordinar un proxecto internacional para a mellora das competencias profesionais docentes.
A iniciativa, denominada ‘Marco Común de Competencias Profesionais Docentes’ e enmarcada no programa Erasmus+, conta cun financiamento europeo que supera os 200.000 euros e cun amplo grupo de socios internacionais e estatais. A partires dun modelo elaborado polo CAFI xunto coa Consejería de Educación de Castela e León, o proxecto abordará a elaboración dun Marco Común sobre o que construír os procesos formativos e de desenvolvemento profesional de educadores e educadoras nos diferentes sistemas educativos dos países socios.