Román Rodríguez visita os estudantes que completan a súa FP Dual no complexo industrial de Repsol na Coruña

A Consellería de Cultura e Educación e a empresa petroleira colaboran para que os alumnos e alumnas do ciclo formativo de grao superior en Química Industrial combinen a súa formación académica no IES A Sardiñeira coa formación práctica

Ven, 04/12/2015 - 11:40
 Román Rodríguez visita os estudantes que completan a súa FP Dual no complexo industrial de Repsol na Coruña
Román Rodríguez visita os estudantes que completan a súa FP Dual no complexo industrial de Repsol na Coruña

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, acompañado do director do Complexo Industrial de Repsol Petróleo S.A. na Coruña, Luis F. Llamas Gómez, visitou hoxe esta factoría para comprobar de primeira man a formación que reciben os estudantes que cursan o ciclo formativo de grao superior en Química Industrial na modalidade de FP Dual.

A estancia dos estudantes neste complexo petroleiro é froito dun acordo de colaboración entre Repsol e a Consellería que se iniciou en 2013 como o primeiro proxecto de formación profesional dual na cidade herculina e que se renovou o ano pasado.

A raíz desta cooperación, actualmente 15 alumnas e alumnos do ciclo de grao superior en Química industrial nesta modalidade que cursan os seus estudos no IES A Sardiñeira, teñen a posibilidade de combinar a formación académica neste instituto con formación práctica nas instalacións de Repsol na cidade herculina durante os cursos 2015/2016 e 2016/2017, cunha duración de 3.170 horas.

Esta modalidade de FP caracterízase por combinar a formación curricular no centro educativo con prácticas remuneradas e a formación na empresa. Neste caso, o alumnado realiza o 33% da súa formación no IES A Sardiñeira e o 67% restante -repartido entre formación curricular, complementaria e formación práctica- na refinería de Repsol na Coruña.

A Consellería ven mantendo unha estreita colaboración con esta empresa xa desde o ano 1997 no que se asinou o primeiro convenio de colaboración educativa nas ensinanzas de formación profesional. No ano 2003 esta colaboración ampliouse para a impartición do ciclo formativo de grao superior de Industrias de Proceso Químico conxuntamente nas instalacións da empresa e no IES A Sardiñeira da Coruña. A partir do 2010 se imparte o ciclo formativo de grao superior en Química Industrial, que substitúe ao anterior LOXSE, con independencia da impartición deste mesmo ciclo na modalidade de formación profesional dual referida anteriormente.

Formación para a empregabilidade

O obxectivo da FP Dual é avanzar no nivel de cualificación do alumnado da FP galega en situacións de traballo reais, ao tempo que se facilita que as empresas impartan aos estudantes formación personalizada e adaptada ás necesidades concretas do seu funcionamento como compañía.