Román Rodríguez compartiu o xantar con alumnos do CEIP Portofaro, en Cambre
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez compartiu hoxe o xantar con alumnas e alumnos do CEIP Portofaro (Cambre, A Coruña). Durante a súa estancia no centro o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia garantiu a calidade do servizo de comedor escolar prestado polo seu departamento e comprometeuse a axilizar a contratación dunha nova empresa que preste o servizo.
Ao tempo, salientou a rapidez de intervención da Consellería á hora de investigar as incidencias ocorridas e, unha vez coñecidos os informes da inspección educativa e sanitaria, tomar as decisións pertinentes para que os menús se seguiran servindo con total normalidade e sen prexuízo para as familias.
Así mesmo, agradeceu ás ANPAS o labor que desenvolven nos comedores escolares e solicitou a súa colaboración para a mellora do servizo.
Na súa visita ao centro, o conselleiro estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana; por representantes das ANPAS e por representantes do Concello.