Título node Learning object
O programa de "Mobilidade sostible e segura", que desenvolverá a Dirección Xeral de Tráfico a partir deste curso 2015-16 a través do Plan Proxecta, acaba de presentarse no "IV Seminario Movilidad e Infancia" (Valsaín - Segovia, 4-6 de novembro de 2015), que organiza anualmente o CENEAM. Este encontro ten como obxectivo promover o encontro de representantes de entidades públicas e privadas que traballan no ámbito da mobilidade para favorecer o intercambio de experiencias e boas prácticas que promovan un cambio de modelo na mobilidade da infancia.
O grupo de traballo que organiza anualmente este seminario está adscrito ao Centro Nacional de Educación Ambiental (CENEAM), un organismo dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, vinculado a numerosas iniciativas medioambientais no ámbito educativo. Para acceder á documentación dos anteriores seminarios do CENEAM pódese consultar o seu espazo web. Ademais ofrécese un portal específico con recursos para traballar a mobilidade infantil.
Dentro do ámbito da mobilidade, o Plan Proxecta acaba de arrancar este curso 2015-16 incorporando un programa educativo dedicado integramente á mobilidade e desenvolvido pola Dirección Xeral de Tráfico (coordinado desde as catro Xefaturas Provinciais) no que participarán 28 centros educativos de infantil, primaria e secundaria. Este programa de mobilidade xorde cunha finalidade transformadora que cuestione os modos de mobilidade imperantes e que favoreza a participación do alumnado na elaboración de propostas que garantan a súa seguridade nos seus desprazamentos e que promovan modos de mobilidade máis saudables para toda a comunidade. Para consultar os contidos que se desenvolven no programa "Mobilidade sostible e segura" pódese consultar o seu espazo web. Para consultar a máis información sobre a resolución desta convocatoria do Plan Proxecta pódese acceder aquí.