Un total de 12.386 alumnos de centros educativos galegos cursan as materias de libre configuración autonómica propostas pola Consellería de Cultura e Educación

Os novos currículos entre os que figuran Oratoria ou Xadrez, entre outras, impártense en ESO e Bacharelato e están adaptados á LOMCE

Dom, 01/11/2015 - 10:00

Un total de 12.386 alumnas e alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato de centros de ensino galegos cursan as materias de libre configuración autonómica propostas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o curso 2015/2016 ao abeiro da implantación da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). Segundo os datos recompilados polo departamento educativo da Xunta de Galicia, a que máis matriculados rexistra é de Investigación e Tratamento da Información, seguido de Oratoria e a de Programación.

Por etapas educativas, en ESO impártense Educación financeira, con 263 matriculados; Investigación e Tratamento da Información, con 3.141; Oratoria, que acada os 2.727; Paisaxe e sustentabilidade, con 644; Programación, con 1.785; Promoción de Estilos de Vida Saudable, que ten 1.629 inscritos; e Xadrez, que cursan 684 alumnos e alumnas.

No referido ao Bacharelato, Antropoloxía rexistrou 1.076 matriculados, Literaturas Hispánicas 96 e Robótica conta con 341 inscritos.

Cómpre lembrar que, a maiores destas materias, cada centro puido ofertar as súas propias materias para completar o horario lectivo, tanto en Primaria como na ESO e Bacharelato. O obxectivo é ofrecer aos centros de ensino unha maior autonomía á hora de axeitar a súa oferta educativa ás necesidades de reforzo de materias que perciben no seu alumnado.