Cultura e Educación impulsa o intercambio de datos en materia de I+D entre as universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para favorecer a participación do SUG en proxectos internacionais de investigación

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á sinatura dun convenio a través do que a Xunta subvencionará as accións necesarias para a creación dunha base de datos común

Xov, 01/10/2015 - 19:33

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria impulsará o intercambio de información en materia de I+D entre o Sistema Universitario de Galicia (SUG) e as universidades de Minho, SPorto, Tras-os-Montes e Alto Douro ao abeiro dun convenio de colaboración a través do que se subvencionan as accións para a creación de, entre outras ferramentas, unha base de datos común. O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á sinatura deste acordo, que busca favorecer a participación das universidades galegas en proxectos de investigación europeos e internacionais.

O obxectivo final desta actuación, que ten un orzamento de 22.000 euros, é o incremento da calidade científica e a materialización da transferencia tecnolóxica a partir de resultados científicos para a mellora do sistema económico e o benestar da sociedade galega. Neste sentido, cómpre lembrar que avanza na estratexia de especialización dos campus galegos que está a promover a Xunta, así como no desenvolvemento do Plan Estratéxico da rede de universidades para o desenvolvemento de Galicia e Norte de Portugal (GNP) 2015-2020.

Censo de investigación

A responsable de desenvolver as accións subvencionadas no convenio será a Universidade de Santiago de Compostela (USC), aínda que redundarán tamén en beneficio das da Coruña e Vigo. Neste sentido cómpre sinalar que a institución académica compostelá alberga a sede do Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER), cuxo obxectivo fundacional é buscar sinerxías e complementariedades nos ámbitos académicos universitarios da Eurorrexión coa finalidade de reforzar as vinculacións entre as universidades de Galicia e o Norte de Portugal.

Entre as liñas de actuación contempladas no acordo destaca a elaboración dun censo de investigación, recopiando e ordenando a información sobre sectores especializados no estudo e desenvolvemento de proxectos sobre I+D+i, co obxectivo de que funcione como unha ferramenta para a identificación de liñas de traballo, produtos e avances tecnolóxicos acordes coas prioridades da Estratexia de especialización intelixente. Esta compilación abarcará tanto grupos de investigación como empresas con actividades ou necesidades de I+D+i.

Base de datos

Así mesmo, crearase unha base de datos do persoal investigador que permita a localización de grupos de interese no territorio, habilidades, competencias e capacidades que demanden outros investigadores para a construción de redes de investigación. Tamén servirá para facilitar o contacto por parte de empresas interesadas con investigadores/as que desenvolvan a súa actividade científica en áreas específicas.

De forma parella, impulsarase o establecemento de contactos e redes de investigadores, que difundan información sobre convocatorias de financiamento de proxectos de investigación, relacionando departamentos e grupos de investigación para a elaboración de proxectos conxuntos de investigación para convocatorias de financiamento rexionais, estatais e europeas. O convenio contempla, ademais, o desenvolvemento de accións de formación e networking para a dinamización da participación das universidades nos devanditos proxectos