A Consellería lamenta a inexactitude das manifestacións do concelleiro de Educación de Santiago sobre os comedores escolares

Algúns responsables locais pretenden agochar a súa inexperiencia culpando á Xunta dos retrasos na contratación deste servizo, que noutros concellos non existiu

Xov, 03/09/2015 - 19:22

Diante das manifestacións vertidas polo concelleiro de Educación do Concello de Santiago, e da alarma xerada pola contratación do servizo de comedores escolares do termo municipal compostelán, a Consellería de Cultura e Educación quere manifestar que, coma todos os anos, as conversas sobre a prórroga ou sinatura dos convenios cos comedores escolares dos concellos inícianse no primeiro trimestre do ano, asinándose os convenios coa antelación suficiente para que os concellos poidan contratar os correspondentes servizos. A Consellería lamenta as declaracións do mencionado concelleiro, que atribúe á súa inexperiencia na xestión municipal.

Neste sentido, cómpre lembrar que o pasado día 15 de xullo, o Consello da Xunta autorizou a sinatura de once convenios de colaboración con outros tantos concellos, entre eles o de Santiago de Compostela, para a xestión dos comedores escolares.

Con carácter previo a esta autorización, e atendendo a unha petición do propio Concello, o secretario xeral técnico da Consellería e a subdirectora de Recursos Educativos Complementarios reuníronse a primeira semana de xullo co concelleiro de Educación de Compostela, Manuel Dios, e dúas técnicas municipais para informarlles dos detalles dos convenios e do procedemento a seguir co fin de que o servizo non sufrise ningún tipo de menoscabo.

Polo tanto, desde a Administración Autonómica ofrecéronse, con antelación suficiente, posibles vías de contratación que permitisen que os comedores escolares estivesen a punto o día 10 de setembro (data oficial de inicio do curso escolar).

A Consellería de Cultura e Educación valora que todos os concellos asinantes agás o de Santiago (máxime tendo en conta que nalgúns deles houbo cambios no goberno municipal), actuaran coa dilixencia suficiente para que os comedores entren en funcionamento con total normalidade; circunstancia que semella non ter acontecido no de Compostela.

Porén non se acaba de comprender que a Concellería de Educación de Santiago se escude na inexperiencia que outros concellos non tiveron á hora de contratar o servizo de comedor. E agarda que o departamento de Educación do Concello de Santiago teña realizado os pasos axeitados para que o servizo se preste sen incidencias.

Ademais, a Consellería tamén lamenta as declaracións do concelleiro de Educación relativas ás obras do CEIP Monte dos Postes, do que realiza manifestacións que pretenden comprometer á Xunta de Galicia en obras que non figuran nos proxectos e que, en parte, na medida en que afectan a zonas axardinadas,  corresponden ao Concello de Santiago. Cómpre lembrar tamén, que foi a propia Administración Autonómica quen atendeu unha vella demanda deste centro educativo que non fora atendida nos tempos nos que a crise aínda non tiña afectado ás finanzas públicas.