A Consellería de Cultura e Educación investirá arredor de 400.000 euros na ampliación do CEIP As Mercedes (Lugo)
O obxectivo desta actuación é dar resposta á demanda de prazas escolares na zona sur de Lugo
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria prevé destinar arredor de 400.000 euros á ampliación do CEIP As Mercedes (Lugo), segundo lle comunicou esta mañá o titular do departamento, Román Rodríguez, á xefa territorial da Consellería na provincia, María Carmen Gueimunde, nunha reunión mantida en San Caetano. Segundo o previsto, a ampliación consistiría na construción de 4 novas unidades nos mesmos terreos do centro actual, que se distribuirían en función das necesidades que determine a matrícula do CEIP.
O obxectivo desta actuación dar resposta á alta demanda de prazas escolares que existe no sur da cidade lucense. De acordo con iso, a obra podería comezar no verán do ano próximo co fin de que se poida prestar o servizo educativo nos novos espazos no curso 2016/2017.
En calquera caso, cómpre lembrar que o 95% do alumnado da cidade de Lugo estará escolarizado no curso 2015/2016 no centro que escolleu como primeira opción, polo que as prazas en centros sostidos con fondos públicos son máis que suficientes para cubrir a demanda existente.