Un estudo da Xunta sobre as vocacións TIC sinala que só o 18% dos alumnos da ESO e de Bacharelato optarían por estudos científico- tecnolóxicos

A vocación, segundo o 92% dos alumnos, é o principal motivo para a elección do itinerario formativo, seguido da utilidade (78%) e a facilidade (45%)

Persiste a fenda de xénero: tan só o 6% das alumnas que cursan un Bacharelato Científico- Tecnolóxico elixirían o finalizalo as carreiras de Informática ou Telecomunicacións, fronte ao 34% dos alumnos

No estudo participaron 5.120 alumnos de 3º e 4º de ESO e de Bacharelato de 40 centros educativos das catro provincias galegas

Ao inicio do próximo curso escolar presentarase un informe completo do estudo que recollerá recomendacións de expertos de todos os ámbitos profesionais para incrementar o atractivo das carreiras científico- tecnolóxicas

Ven, 24/07/2015 - 18:52
Un estudo da Xunta sobre as vocacións TIC sinala que só o 18% dos alumnos da ESO e de Bacharelato optarían por estudos científico- tecnolóxicos
Un estudo da Xunta sobre as vocacións TIC sinala que só o 18% dos alumnos da ESO e de Bacharelato optarían por estudos científico- tecnolóxicos

Só o 8,5% dos futuros universitarios apostan por encamiñar o seu futuro laboral no ámbito tecnolóxico, a pesar de que o sector TIC Galego dá emprego a 15.312 traballadores e mantense por enriba dos 15.000 profesionais desde o ano 2010. En 2015, as empresas TIC galegas prevén incrementar o seu número de empregados nun 30%.

O dato forma parte das principais conclusións dun estudo que foi presentado hoxe polo conselleiro Román Rodríguez e a directora da Amtega, Mar Pereira, nun acto no que tamén interviñeron presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática, Fernando Suárez; o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática, Marcos Mata; e o secretario Xeral del Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Ramón Mª Lois.

Un dos desafíos da Axenda Dixital de Galicia ADG2020 é o impulso das vocacións tecnolóxicas e dos novos perfís dixitais para satisfacer as necesidades do mercado tecnolóxico a medio e longo prazo. Para coñecer as causas da baixo porcentaxe de matriculados en estudos tecnolóxicos na Comunidade xorde a elaboración do “Estudo dos Factores Influentes na Elección de Estudos Científicos, Tecnolóxicos e Matemáticos en Galicia” impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a consultora everis, unha das empresas asinantes do Pacto Tecnolóxico de Galicia.

Na realización deste estudo participaron 5.120 estudantes de 3º e 4º da ESO, e de Bacharelato de 40 centros educativos de Galicia pertencentes ás catro provincias, a través da contestación a un formulario deseñado co obxectivo de avanzar na compresión do proceso de decisión destes na elección de estudos, ao finalizar a ESO e Bacharelato.

Os factores de impacto na elección vocacional

Dos resultados da enquisa despréndese que o 18% de alumnado optaría por estudos científicos tecnolóxicos. Desta porcentaxe, un 4,4% decántase por estudos de ciclos formativos da familia de Informática e Comunicación, e un 41,3% por estudos do Bacharelato Científico Tecnolóxico. Dos que optan por un Bacharelato Científico Tecnolóxico, un terzo optaría por unha das seguintes carreiras: Informática, Telecomunicacións, Matemáticas, Física ou Química (este terzo supón un 13,6% do alumnado de 3º e 4º da ESO).

Por outro lado, preto do 40% dos estudantes enquisados non se senten capacitados para afrontar estudos de carácter científico-tecnolóxicos, sendo polo tanto, a denominada autoeficacia ou a percepción que teñen os alumnos das súas propias capacidades e a percepción destes estudos, os elementos clave para futuras actuacións.

O estudo sinala que ante o proceso de elección dos estudios, a vocación é o principal motivo (92%) que determina o itinerario formativo dos alumnos, seguida da utilidade dos estudios para o seu futuro (78%) e a facilidade (45%). Neste sentido, a imaxe dos alumnos sobre as carreiras científico-tecnolóxicas é positiva, sendo consideradas como carreiras con moitas saídas profesionais, asociadas a traballos ben remunerados e cun alto impacto na sociedade.

Os pais e nais son as persoas que máis inflúen na elección das carreiras para o 79% dos enquisados, seguidos de internet (66%), os amigos e irmáns (45% e 44%), a televisión (41%), os titores (39%) e as visitas a empresas (19%).
Só o 26,8% de mulleres que traballan no sector TIC desempeñan funcións tecnolóxicas, fronte ao 64,3% de homes. A análise realizada puxo de manifesto que esta fenda de xénero mantense entre a poboación máis nova, posto que só o 6% das alumnas do Bacharelato Científico-Tecnolóxico elixirán as carreiras de Informática ou Telecomunicacións, fronte ao 34% dos mozos, situación na que os expertos coinciden que hai que seguir incidindo.

Avance das recomendacións para incrementar as vocacións TIC

En base a estes resultados, un grupo de expertos formado por profesionais TIC de diferentes sectores produtivos, docentes, directores de centros, reitores, representantes de colexios profesionais, elaborará unha serie de recomendacións en torno a tres eixos: a posta en valor das oportunidades de emprego no sector, o reforzo da autopercepción das capacidades dos alumnos e a realización de accións que dean a coñecer a experiencia persoal de mulleres profesionais do sector TIC.