A Consellería lamenta que as declaracións do equipo reitoral da UDC se produzan no medio das negociacións para mellorar a súa situación financeira

A UDC está a crear un debate artificial que pode prexudicar a imaxe pública da propia universidade

A da Coruña é a única do SUG que presenta algún problema co reparto dos fondos estruturais

A Xunta non lle debe cantidade algunha á universidade coa maior dependencia das transferencias de cartos públicos

Mér, 01/07/2015 - 15:03

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lamenta as declaracións efectuadas polo reitor e o equipo de goberno da Universidade da Coruña (UDC) respecto das causas da súa situación financeira, estatus que, sen dúbida, se debe a una interpretación errónea das regras de xogo, interpretación que non fixo ningunha das outras dúas universidades de Galicia que si aplicaron correctas medidas organizativas e económicas.

A gravidade das últimas afirmacións formuladas onte en Consello de Goberno polos responsables da UDC, obrigan a esta consellería a recordar que a Xunta de Galicia mantén unha actitude de colaboración coas tres universidades galegas co obxecto de planificar e coordinar a súa actuación, para acadar unha docencia e investigación de calidade.

Actitude dialogante vs. confronto

Nesa liña, coma sempre, a Consellería de Facenda e a Consellería de Cultura e Educación celebraron distintas reunións con representantes da UDC para axudar a atopar solucións aos seus problemas, en distintos eidos: plan de axuste orzamentario, acelerar o reparto dos fondos estruturais, explorar vías bilaterais de financiamento adicional ou cofinanciar actuacións da UDC.

Xustamente por iso, sorprende que a UDC realice declaracións nos medios de comunicación que van na liña contraria, como é a de crear un suposto contencioso coa Xunta, tratando de facela responsable dos seus problemas financeiros.

Para esta consellería é a UDC a que está a crear un debate artificial, e sobre todo, moi prexudicial para a imaxe pública da propia universidade. As consecuencias serán inmediatas e moi difíciles de recuperar: peor captación de estudantado, desconfianza de proveedores e pobre imaxe de xestión. De feito, a súa actuación está a ser diverxente coas outras universidades públicas galegas, que están a facer políticas de axuste de ingresos e gastos, como o resto das administracións públicas.

Suficiencia financeira e máxima autonomía

Polo demais, e aínda que o plan de financiamento garante a suficiencia financeira das universidades, como responsabilidade e competencia irrenunciable da Comunidade Autónoma, “iso non comporta o financiamento absoluto e a demanda das universidades”, segundo recolle textualmente a sentenza 324/2015 TSXG.

Cómpre lembrar así mesmo que a UDC ten a máxima autonomía para desenvolver as súas políticas: establecer plans estratéxicos, contratar persoal, establecer as liñas de investigación, formular ofertas académicas e obter recursos públicos e privados. Pero a devandita autonomía implica responsabilidade. É por iso que a evolución das universidades é consecuencia das políticas reitorais desenvoltas ao longo dos anos. Así, obsérvase nos diferentes informes nacionais que algunhas universidades van ascendendo nos diferentes rankings mentres que outras teñen unha evolución negativa. Como é lóxico, tanto nun caso como noutro, os responsables son os encargados da súa xestión directa.

Fondos estruturais

No que atinxe aos fondos estruturais do plan de financiamento universitario cómpre lembrar que estes se reparten a través de catro partidas cunhas regras de funcionamento coñecidas e aceptadas polas tres universidades dende o ano 2010. Polo tanto, en ningún caso se lle debe cantidade algunha á UDC e, no hipotético suposto de que o TSXG aceptara o contencioso pendente, a Xunta non lle tería que transferir ningún fondo, senón que habería que detraelo do reparto feito coas outras universidades.

A UDC é a única das universidades galegas que presenta algún problema co reparto dos fondos estruturais. Calquera discrepancia nestes anos debateuse no órgano lexitimado no plan de funcionamento para resolvela: a Comisión de Seguimento, onde están representadas as tres universidades. E onde, por certo, o criterio de interpretación do reparto dos fondos, feito pola UDC, foi sistematicamente rexeitado por todos os seus membros, polo que é de lamentar que aínda despois de xudicializar ao Sistema Universitario de Galicia (SUG), a UDC non agarde nin pola decisión do alto tribunal e insista en alimentar un debate ficticio e estéril, cando non prexudicial para os seus propios intereses.

Gran dependencia da Xunta

A UDC é a universidade que presenta unha maior dependencia das transferencias da Xunta de Galicia mentres as demais cada vez captan máis recursos externos. No último ano cos orzamentos liquidados, o 2013, o 78,2% dos seus ingresos proviñan da Xunta de Galicia. É a taxa máis alta de Galicia e non cesou de crecer nos últimos anos (74,7% no 2011).

Finalmente, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere lembrar que a Xunta está a realizar o maior esforzo da historia en apoio das universidades galegas. Así a porcentaxe que representan os cartos dedicados ás universidades respecto do total de recursos de que dispón a comunidade autónoma non cesou de medrar en tempos de crise, pasando do 4,1 en 2009 ao 4,8% en 2014. Grazas a eses esforzos, o Plan de Financiamento vixente neste quinquenio, froito do diálogo e o consenso, foi estable e flexible. E, na actualidade, a Consellería está a traballar para que nos vindeiros cinco anos se conte cun plan semellante.