O conselleiro de Cultura e Educación destaca a captación de investigadores excelentes como eixe da optimización do sistema galego
Román Rodríguez clausurou hoxe coa secretaria de Estado de I+D+I o ciclo no que se debateron as fórmulas de éxito da xestión da investigación en España
Subliñou o esforzo inversor do seu departamento neste eido, cuns 116 millóns de euros desde 2011, e coa consolidación e apoio de investigadores a través de 690 contratos e becas
Carmen Vela salientou a orientación do sistema de axudas do Estado á creación dun ecosistema de excelencia científica en España
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, avogou esta mañá por adaptar o modelo galego de xestión da investigación pública ao contexto actual coa axuda de todos os axentes involucrados. “A xestión do talento é a base para lograr un sistema excelente, polo que o eixe sobre o que debe xirar o sistema é a atracción de investigadores de primeiro nivel con capacidade aglutinadora”, afirmou. Nesta liña, o conselleiro salientou o “esforzo” de Galicia neste eido, cun investimento de máis de 116 millóns de euros desde 2011 e a consolidación e apoio a investigadores a través de 690 contratos e becas.
Rodríguez clausurou hoxe o ciclo “Fórmulas de éxito da xestión da investigación en España. Ideas compartidas para a posta a punto da contorna galega”, organizado pola Secretaría Xeral de Universidades e celebrado ao longo deste mes de xuño no edificio CIMUS do Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Esta xornada de peche contou tamén coa presenza da secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación do Goberno central, Carmen Vela.
Máis investigadores. Máis colaboración
“Con este ciclo quixemos explorar as mellores prácticas de éxito doutras comunidades, un proceso que estamos a completar analizando tanto as capacidades como as potencialidades do sistema universitario de investigación”, afirmou o conselleiro.
Sobre os retos de futuro que ten que asumir o Sistema Galego de I+D+I, destacou, ademais da necesidade de incorporar máis investigadores de referencia “nun marco de moita competencia e tamén moita mobilidade”, a de potenciar a colaboración entre os grupos e entre as tres universidades, así como a transferencia de resultados á sociedade e á economía do coñecemento. “A colaboración non suma, multiplica”, afirmou, ao tempo que subliñou a importancia de facer unha planificación estratéxica a longo prazo.
Un ecosistema de excelencia
Pola súa banda, a secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación asegurou que o Sistema Español de I+D está por riba da media europea en eficiencia e que os principais desafíos que se lle presentan son a crecente competencia internacional, a atracción e retención de talento, o impulso da especialización científica e técnica e o incremento da colaboración entre os axentes (grupos de investigación, centros tecnolóxicos, empresas, etc.).
Centros “Severo Ochoa” e “María de Maeztu”
Vela contextualizou o deseño dos programas de axudas do seu departamento no camiño cara a un ecosistema de excelencia. Neste sentido, especificou que o Programa de Apoio a Centros de Excelencia “Severo Ochoa” se creou en 2011 “non con base en illas de coñecemento, senón co espírito de promover nodos baseados no intercambio e a colaboración”. Como novidade asociada a este programa, destacou a creación en 2014 dun novo instrumento dirixido a estruturas máis pequenas que os centros, o “María de Maetzu”, orientado a financiar unidades de excelencia.
“En ambos os dous programas o único criterio de avaliación de propostas é a calidade científica”, explicou a secretaria de Estado de I+D+I, con base na capacidade de xestión e liderado científico, nas políticas de atracción e xeración de talento excelente e na participación en redes de colaboración. En total, entre os dous programas concedéronse ata o de agora axudas por un total de 92 millóns de euros a vinte centros e seis unidades de investigación.
A visión dos investigadores
A xornada contou tamén coa achega de tres investigadores de referencia, en representación das tres universidades galegas, que explicaron a súa visión sobre a excelencia científica. A investigadora principal do Grupo Biofarma da USC, Mabel Loza, destacou que é fundamental crear un equipo cohesionado, superar o minifundismo intelectual mediante o establecemento de sinerxías, apoiarse en boa ciencia e examinar permanentemente a onde se quere chegar. No eido económico, destacou que para ter unha actividade sostible hai que buscar o autofinanciamento. “Non podemos deixar que os proxectos dependan dos fondos públicos, hai que buscar o compromiso das empresas. Segundo a nosa experiencia, a fórmula idónea é realizar unha xestión privada nunha contorna pública”, afirmou.
Hector Gómez, investigador do Grupo de Métodos Numéricos en Enxeñaría da Universidade da Coruña, estableceu como características do perfil dos científicos que convén atraer ás universidades galegas que sexan “coñecidos mundialmente pola súa investigación, excelentes docentes e mentores e capaces de xerar recursos económicos”. Polo que respecta ás institucións, para atraer ese talento excelente é necesario ofrecer boas condicións de traballo, estabilidade, posibilidades de crecemento e unha contorna que lles permita competir, con oportunidades de financiamento e unha carga lectiva e administrativa razoable.
Finalmente, Carlos Mosquera, investigador do Grupo de Teoría do Sinal e das Comunicacións da Universidade de Vigo, centrouse na transferencia de coñecemento. “O esforzo que lle supón aos investigadores achegar as súas ideas ao mercado é moi elevado, polo que moitos desisten de buscar fórmulas para atravesar ese val e céntranse en buscar a excelencia científica”, sinalou. Neste sentido, apuntou como fórmulas para mellorar esa traslación de resultados a modernización das oficinas de transferencia de resultados de investigación das universidades (OTRIs), reforzar os centros tecnolóxicos con máis financiamento estrutural e promover dunha maneira máis decidida as spin-off universitarias (empresas nacidas en grupos de investigación).