Cultura e Educación reafirma o seu compromiso coa investigación da lingua e cultura galegas coa convocatoria de 8 bolsas de formación en proxectos do Centro Ramón Piñeiro

Os bolseiros desenvolverán o seu labor neste centro ata o ano 2017, o que supón unha oportunidade para que os titulados das universidades poidan iniciar a súa actividade neste eido

Xov, 18/06/2015 - 12:42

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á convocatoria de 8 novas bolsas de formación en proxectos do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), o que vén a reafirmar o compromiso da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coa investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre a lingua propia de Galicia, co fin de avanzar na súa normalización e promover o seu uso en todos os eidos profesionais e sociais.

A convocatoria destas bolsas vai dirixida a titulados universitarios, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora. En concreto os proxectos incluídos na convocatoria son o Etiquetador/Lematizador do Galego Actual (CORGA/XIADA), o ‘Corpus documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA), a Bibliografía Informatizada da Lingua Galega (BILEGA), o Proxecto Terminoloxía científico-técnica, o de Informes de Literatura, o de Recuperación de textos poéticos e xornalísticos galegos, o proxecto Lírica profana galego-portuguesa e o de Dimensión da identidade colectiva de Galicia.

Poderán presentarse á convocatoria os licenciados ou graduados nas titulacións de ciencias políticas e da administración, historia, documentación, tradución e interpretación e filoloxías. Ademais os aspirantes deberán acreditar posuír os requisitos específicos para cada proxecto, tales como coñecementos de informática, estar capacitado para ler e traducir textos en diferentes linguas románicas no estado medieval, práctica na elaboración de repertorios bibliográficos comentados, ou manexo de procesadores de texto e bases de datos, entre outros.        Os bolseiros desenvolverán o seu labor neste centro ata o ano 2017, o que supón unha oportunidade para que os titulados das universidades poidan iniciar a súa actividade neste eido.

Traxectoria do CRPIH

Unha faceta fundamental do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades é a súa contribución á formación investigadora. Nestes 22 anos, pasaron polo CRPIH 445 investigadores/as diferentes: 308 bolseiros/as galegos/as que se formaron participando nos proxectos do Piñeiro e outros/as 137 bolseiros/as dos máis diversos países do mundo que estiveron un semestre desenvolvendo traballos de investigación propios asesorados polos directores de proxectos semellantes aos seus do centro de investigación que hoxe cumpre dúas décadas. Moitos destes bolseiros son hoxe doutores, profesores universitarios ou docentes no ensino medio e, dende os seus postos actuais, continúan a ofrecer importantes contribucións ao coñecemento sobre a lingua e a literatura galegas.

Actualmente, o Centro Ramón Piñeiro ten en marcha un total de 20 proxectos de investigación. Na área de lingua, avánzase no Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA), no Sintetizador de voz para o galego CoToVía, na Bibliografía Informatizada da Lingua Galega (BILEGA), no Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA) ou na liña de investigación de fraseoloxía galega.

Na área de literatura, hai proxectos orientados á literatura medieval, coma o Arquivo Galicia Medieval, e outros dirixidos ao estudo da literatura galega contemporánea, coma o de Bibliografía da literatura galega, o Dicionario xeral de termos literarios, os Informes de literatura, os proxectos de recuperación de narrativa, de poesía ou de revistas dos séculos XIX e XX ou os Cadernos Ramón Piñeiro. Ademais, prodúcense obras de filosofía, de socioloxía, de cine ou de ciencia política.l

Menús News node R