Preto de 1.900 alumnas e alumnos da comarca da Coruña participaron nas actividades do proxecto de emprendemento impulsado por Cultura e Educación e a Fundación Alcoa

‘A Coruña emprende’ clausurouse esta tarde nun acto celebrado no CIFP Someso

A iniciativa implicou a 15 centros de ensino e 60 docentes

Mér, 17/06/2015 - 19:15

Preto de 1.900 alumnas e alumnos de 6ª de primaria e de todos os cursos de ESO, Bacharelato e FP da comarca da Coruña participaron nas actividades desenvolvidas ao abeiro da primeira edición do programa ‘A Coruña Emprende’, posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria co patrocinio da Fundación Alcoa. A finalidade desta iniciativa foi a de estimular o espírito emprendedor entre os estudantes, así como a de favorecer a responsabilidade e autonomía persoal dos máis novos.

O proxecto desenvolveuse no último trimestre en 15 centros de ensino coa implicación de 60 docentes, e rematou hoxe coa entrega no CIFP Someso dos premios ao alumnado participante nas diferentes actividades realizadas ao seu abeiro. No acto de clausura interviron o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación educativa, Manuel Corredoira; o director xeral da fábrica de Alcoa na Coruña, José Gil Fernández Pulpeiro; a subdirectora xeral de FP da Consellería, María Eugenia Pérez; e a directora de La Opinión de A Coruña, Carmen Merelas, xornal que se encargou da difusión das actividades.

Concurso de proxectos empresariais

‘A Coruña Emprende’ enmárcase dentro da estratexia que a Consellería de Cultura e Educación vén desenvolvendo a través do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, ‘Eduemprende’. Ao abeiro desta iniciativa, os docentes recibiron formación específica sobre como promover o espírito emprendedor entre o alumnado e dirixilo para que unha idea se transforme nun proxecto real. Pola súa banda, os alumnos participaron en actividades de sensibilización e de formación relacionadas co mundo empresarial (como elaborar un plan de empresa, xestión de patentes, presentacións de impacto, etc) e en actividades de formación sobre temas específicos. Ademais, convocouse un concurso para o fomento da creación de proxectos empresariais, do que hoxe se entregaron os galardóns.

Na modalidade A - dirixida ao alumnado de 6º de Primaria e de ESO- o primeiro premio foi para o proxecto en liña ‘Produtos tecnolóxicos’, de Antía Mayo Fernández, Cielo Jaqueline Echeverría León e Marcos Insua Barbeiro, do CPI Vicente Otero Valcárcel (Carral). O segundo premio recaeu no mesmo centro educativo, no proxecto ‘En liña’, das alumnas Sandra Fachal Vilas, Belén Mosquera Gómez e Carmen Vázquez Gende.

No caso da modalidade B – dirixida ao alumnado de Bacharelato e FP- o primeiro premio foi para ‘ENERGYLAR’, de Ismael Alborés Suárez, Juan Manuel Queiruga Vidal e Miguel Ángel Santos Mosquera, do CIFP Someso; e o segundo para ‘D-Boa’, de Lucía Rabina Millet, Polyana Moreira de Oliveira e Eva Canoura Rodríguez, do IES de Sabón. O terceiro galardón recaeu no proxecto ‘Trebolecer’, de Iago Pazos Villanueva, Lara Montoto Dablanca, Nuria Vázquez Álvarez e Nicolás Coelho Gende, do IES Isaac Díaz Pardo (Sada).

A aposta pola educación da Fundación Alcoa

Coa súa participación neste programa, ao que achegou uns 46.000 euros, a Fundación Alcoa reitera o seu compromiso coa formación da mocidade, que se materializa en diversas colaboracións coa Consellería, como os programas ‘Lugo emprende’ e ‘A Mariña emprende’.

Así mesmo a Fundación Alcoa vén respaldando proxectos de institucións e organización para mellorar as oportunidades en educación e formación, saúde e seguridade e respecto ao medio ambiente, co obxectivo final de contribuír a mellorar a calidade de vida das comunidades nas que Alcoa está presente.