Román Rodríguez visita o stand dedicado á FP na Feira Internacional Abanca Semana Verde, con produtos elaborados nos centros integrados de formación profesional

O conselleiro de Cultura e Educación comprobou a calidade das conservas, viños e licores feitos no CIFP Coroso, A Granxa e Paseo das Pontes

A elaboración deste tipo de alimentos é o resultado práctico dunhas ensinanzas que acercan o mundo teórico ao laboral, á vez que fomentan o emprendemento entre a xente moza

Ven, 12/06/2015 - 18:32
 Román Rodríguez visita o stand dedicado á FP na Feira Internacional Abanca Semana Verde, con produtos elaborados nos centros integrados de formación profesional
Román Rodríguez visita o stand dedicado á FP na Feira Internacional Abanca Semana Verde, con produtos elaborados nos centros integrados de formación profesional

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acercouse esta tarde ata o stand dedicado á Formación Profesional no marco da XXXVIII Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia. Un posto no que varios Centros Integrados de FP de Galicia expoñen os produtos elaborados polo seu propio alumnado, que se encargan de explicar os alumnos e alumnas do ciclo de Comercio do IES Pintor Colmeiro de Silleda.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia estivo acompañado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; así como polos xefes territoriais de Pontevedra e Coruña, César Pérez Ares e Indalecio Cabana.  

Deste xeito, o CIFP Coroso de Ribeira levou ata o Recinto Feiral de Silleda unha ampla mostra de conservas –tales como atún en aceite de oliva ou ao natural, chocos en salsa americana, follas de pescada, paté de mexillón, ovas de pescada ou mexillóns en escabeche–, marmeladas de pemento vermello ou cabaza, confeitura de framboesa, así como botes de pementos asados ou nabizas ao natural.

Pola súa parte, as conservas vexetais preséntanse como un dos produtos estrela do CIFP Paseo das Pontes da Coruña. Ambos os dous centros ofertan o ciclo medio de Elaboración de produtos alimentarios e mais o superior de Procesos e calidade na industria alimentaria. A maiores, no centro coruñés tamén se imparte o ciclo de Panadaría, repostaría e confeitaría en réxime de adultos a distancia.

O acompañamento a estes alimentos corre a conta do CIFP A Granxa de Ponteareas, que expón os seus viños –elaborados a partir dun viñedo propio dunhas tres hectáreas– e licores. Dentro da familia profesional de Industrias alimentarias, este centro ponteareán ofrece o ciclo formativo de grao superior de Vitivinicultura, con oferta única en Galicia, e que se imparte tanto no réxime ordinario como no de persoas adultas. Tamén se imparte, sen saír desta familia, o ciclo medio de Aceites de oliva e viños.

Innovación para ser máis competitivos

Estes produtos son unha boa mostra da aposta dos centros, en liña co que fomenta a Consellería de Cultura e Educación, pola innovación como motor da competitividade. A través destas experiencias, o alumnado leva á práctica os seus coñecementos teóricos, á vez que se achega ao mundo laboral.

Ademais, tamén se busca fomentar unha cultura emprendedora entre a xente nova dende os propios centros educativos en aras de mellorar os niveis de inserción laboral e, incluso, favorecer o desenvolvemento do sector no que traballan. Neste contexto enmárcase o Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia ‘eduemprende’, posto en marcha polo departamento educativo da Xunta,que persegue concienciar aos alumnos e alumnas da importancia dunha base emprendedora sólida.   

Información sobre as modalidades de FP

A maiores dos produtos expostos polos diferentes CIFP, no stand tamén se ofrece información detallada sobre os ciclos de grao medio e superior, os programas formativos de formación profesional básica, implantados por primeira vez neste curso ao abeiro do desenvolvemento da LOMCE, e de formación profesional dual; así como da oferta destas ensinanzas na Comunidade galega tanto no réxime ordinario como no réxime para as persoas adultas nas modalidades presencial e a distancia.